AD

Comarca

Chus Campos: «Non son fan da carreira de burros, pero é legal é non está financiada polo Concello»

today19 julio, 2025

Fondo
share close
AD
  • O Santiaguiño do Monte, romaría máis emblemática de Padrón, combina tradición, música, actividades infantís e mesmo a recuperación da carreira de burros, cunha programación que promete converter a vila no epicentro festivo do verán galego.

A vila de Padrón xa está en modo festa. Desde o 17 de xullo e ata o sábado 26, celébrase unha das súas citas máis esperadas: o Santiaguiño do Monte, unha romaría que mantén o seu carácter tradicional —coa subida ao monte, a misa e a sardiñada—, pero que este 2025 aposta por abrirse a novos públicos e formatos. A concelleira de Festas, Chus Campos, explicou en Radio Líder Santiago que a intención do goberno local é clara: «Ofrecer un programa variado, inclusivo e con actividades para todas as idades e sensibilidades».

A programación arrancou coa novena e os actos relixiosos, pero xa dende os primeiros días foron tomando protagonismo os concertos e eventos culturais. Entre as actuacións destacan nomes como Xuxo Fernández, Sonoro Machín, o grupo local Five Star Service ou a asociación Open Air. Tamén haberá espazo para as novas expresións urbanas, como o tramo «polosar de rap» ou as batallas de reggaifa versus rap, que «pretenden poñer en diálogo o máis moderno co máis tradicional», segundo Campos.

Un dos días grandes será o 24 de xullo, con festa infantil pola tarde, actuación do grupo Rosalía de Castro no xardín botánico, monólogo de Pepe Suavos e concertos ata a noite con Unión y Fuerza 75, Somoza Trío e DJs. «É un día super completo», dixo a concelleira, que tamén confirmou que a rúa entre o pavillón do Souto e o centro médico quedará pechada ao tráfico para garantir a seguridade da cativada.

O 25 de xullo, día de Santiago, é o corazón da festa. A subida ao monte arrinca sobre as 11:00h, seguida de misas, e ás 12:30h comeza unha sardiñada gratuíta no monte que contará con: 300 kg de sardiñas, 1.200 bolos preñados e 200 kg de pan de millo

“É unha comida de balde para a veciñanza e visitantes, que se acompaña dun pequeno agasallo para quen participa”, explicou Campos. A misa principal será ás 13:00h na capela do monte e pola tarde continuará a festa, con sorpresas por anunciar.

Un dos puntos máis comentados foi a recuperación da carreira de burros, desaparecida nos últimos anos e impulsada nesta ocasión pola asociación Abufa, centrada na conservación do burro fariñeiro. A actividade celebrarase o 24 de xullo ás 20:00h no paseo do Espolón.

Chus Campos foi clara: «Non somos, nin o alcalde nin eu, especialmente fanáticos da carreira de burros, nin é unha actividade que o Concello promova nin financie. Pero se é legal e se garante o respecto aos animais, non temos potestade para impedila». Asegurou tamén que «a prioridade é garantir o benestar animal e a seguridade do público», e que en caso de calquera dúbida ou incumprimento, o evento sería cancelado.

A festa inclúe ata seis actividades infantís, entre elas festas con inchables, espectáculos de maxia a cargo do Mago Antón —que fará catro sesións— e títeres. «Queremos que a rapazada tamén se sinta protagonista», dixo Campos, que destacou que algunhas das actividades se farán no monte durante a propia romaría.

O sábado 26 rematará o Santiaguiño cun acto vistoso: a chegada das barcas ao paseo do Espolón na actividade «A Inxadinha da Branca Vela», organizada pola Casa de Rosalía, e que leva anos celebrándose. O domingo continuará o ambiente festivo co mercado dominical.

Este ano non figura na programación o festival Asnot, un evento independente que nos últimos anos formaba parte das festas. «É unha asociación allea ao Concello, decidiron non facer o festival este ano, e nós respectamos a súa decisión», comentou a concelleira. «Parece ser que están repensando o formato», engadiu.

O Santiaguiño marca tamén o inicio das festas nas parroquias, que se estenden durante todo o mes de agosto e parte de setembro. O día 2 de agosto terá lugar a Festa do Pemento, e a partir de aí cada recuncho de Padrón terá o seu evento. «O Concello colabora con infraestruturas, permisos e pequenas achegas para actuacións, e estamos en contacto directo con todas as comisións de festas», asegurou Campos.

Un dos eventos máis singulares, as cucañas na Ponte, tamén terá continuidade con gradas para facilitar a asistencia. «A expectación é cada vez maior, e a localización non pode cambiar: é onde se celebrou toda a vida», apuntou, confirmando de novo a colocación de gradas para desfrutar máis cómodamente do evento.

E como boa organizadora, Chus Campos xa ten a vista posta no inverno. «Estamos traballando na iluminación, nas carrozas de Reis e na Pascua. Se non o fas con antelación, logo non atopas o que buscas», comentou, entre risas, sinalando que a vila xa comeza a coñecerse como o «Vigo pequeno».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *