Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 abril, 2024
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación do ciclo de monólogos que se celebrará en Ames entre o 23 e o 26 de maio
A proposta inclúe actuacións de figuras consolidadas como Quico Cadaval e Carlos Blanco, xunto con artistas emerxentes como Antía Costas ou Cristóbal Álvarez
Blas García, concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, sinalou que esta proposta é “algo distinto do que vimos facendo habitualmente” e que “queremos que continúe nos vindeiros anos”
Ames, 25 de abril de 2024.- A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación do ciclo de monólogos que se celebrará en Ames entre o 23 e o 26 de maio. A proposta, impulsada polo Concello a través do departamento de Cultura, inclúe actuacións de figuras consolidadas como Quico Cadaval e Carlos Blanco, xunto con artistas emerxentes como Antía Costas ou Cristóbal Álvarez. Os espectáculos desenvolveranse tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello e, no caso de Carlos Blanco, a través de Ataquilla.com.
Para o mes de maio o Concello de Ames organiza un ciclo de monólogos da man de sete artistas galegos. A iniciativa foi presentada esta mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns. No acto estiveron presentes o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento, María Vázquez; e os monologuistas Quico Cadaval e Pepo Suevos.
Durante a presentación, María Vázquez, técnica do departamento de Cultura, explicou que un dos obxectivos foi elaborar “unha programación paritaria, que ademais xuntase artistas consolidados con novas promesas de toda a xeografía galega”.
A presenza de novas promesas foi un dos puntos que destacaron os monologuistas Quico Cadaval e Pepo Suevos, quenes agradeceron ao Concello a súa aposta polo humor.
Pechou o acto Blas García, concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, que sinalou que esta proposta é “algo distinto do que vimos facendo habitualmente” e que “queremos que continúe nos vindeiros anos”. Así mesmo, destacou a variedade da programación cultural municipal, con propostas para todos os públicos, como o ciclo Abril de Cine ou as propostas de danza e teatro que integran o “Ames Cultural 2024”.
Monólogos en Bertamiráns e Milladoiro
A primeira sesión será o xoves 23 de maio, ás 21:00 horas, coa actuación de Quico Cadaval e Antía Costas na Casa da Cultura do Milladoiro. Neste mesmo auditorio estarán o sábado 25 Paula Carballeira e Cristóbal Álvarez, tamén ás 21:00 horas.
O ciclo chegará a Bertamiráns o venres 24, coa actuación de Pepo Suevos e Adrián do Regenco na Casa da Cultura ás 21:00 horas. A última sesión será o domingo 26, ás 19:00 horas, tamén no auditorio de Bertamiráns, da man de Carlos Blanco.
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello, salvo no caso de Carlos Blanco, que só estarán dispoñibles a través de Ataquilla.com.
O polifacético Pepo Suevos participaba esta mañá en Radio Líder Santiago tras participar na presentación do ciclo de monólogos en Ames. Suevos lembraba os seus inicios artísticos en 1999 na extinta emisora Radio Obradoiro como reporteiro do programa ‘Boomerang’ presentado por Álvaro Veiga, actual director de Radio Líder na capital galega. Na primeira parte da entrevista telefónica tamén participaba o alcalde de Ames e responsable da Área de Cultura, Blas García.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)