AD

Comarca

Cinema Miúdo 2025 arrinca en Ames con cine e charlas para escolares

today13 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Centos de estudantes de Ames participan en proxeccións e nunha charla da cineasta Coral Piñeiro dentro de Cinema Miúdo 2025
  • O festival ábrese ao público do venres 14 a domingo 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns. O abono para todas as proxeccións ten un prezo de 3,00 € na Billeteira electrónica do Concello

Ames, 13 de novembro de 2025.- O Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo comeza mañá a súa oitava edición, que se desenvolverá do 13 ao 16 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Este ano o certame chega cunha programación máis internacional e comprometida ca nunca, baixo o lema Defendamos a paz e os dereitos humanos, e cunha especial atención ás actividades dirixidas ao público escolar. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña. Os abonos para o festival, que teñen un prezo de 3 euros, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Como preludio ao arranque do festival, o mércores 12, o alumnado de 1º de Bacharelato do IES de Milladoiro tivo a oportunidade de asistir a unha charla coa cineasta Coral Piñeiro, quen compartiu a súa experiencia profesional e o camiño que a levou a dedicarse á sétima arte.

A nova realizadora galega, Coral Piñeiro, dirixiu as curtametraxes Dores e Na pel da memoria (xunto a Laura Piñeiro) e traballa actualmente na súa primeira longametraxe, Da túa man para a miña. É cofundadora do colectivo Memoria e Cinema, formado por novos creadores que exploran a memoria familiar e histórica a través da linguaxe audiovisual. Ademais, colabora en diversos festivais galegos e en proxectos de educación a través do cinema, como a MICEscola da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego.

Durante as mañás do xoves 13 e venres 14, Cinema Miúdo programa as tradicionais proxeccións dirixidas ao público escolar, un dos piares do festival. As sesións, adaptadas por idades desde os 5 ata os 15 anos, permitirán que 736 nenos e nenas de Ames descubran a maxia do cinema e reflexionen sobre valores como a igualdade, a xustiza e a solidariedade. Participarán estudantes da EEI do Milladoiro, EEI da Igrexa, EEI de Covas, CEP Ventín, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta, CEIP A Maía, IES do Milladoiro e IES de Ames.

Cinema Miúdo continúa de xoves a domingo
O festival, que se inaugura oficialmente o venres 14, ás 17:00 horas, coa actuación da escola de danza Danzaya Ames, ofrecerá ata o domingo un completo programa con curtametraxes de 21 países, obradoiros, actividades familiares e espectáculos, incluíndo a clausura a cargo do pallaso Peter Punk. A sección oficial de Cinema Miúdo 2025 inclúe nove bloques de curtametraxes, seis dirixidos a público maior de 7 anos (Buxainas) e tres para menores de 7 (Axóuxeres). Todas as curtametraxes están subtituladas ao galego polo equipo do festival.

Entre as novidades desta edición destacan as sesións Cinema en Valores, dedicadas a clásicos en branco e negro e a curtas contemporáneas que promoven o pensamento crítico dende a infancia.

O peliculón deste ano será Mi vida a lo grande, unha longametraxe checa estreada en 2024 que presenta a experiencia dun neno de 12 anos que sofre acoso escolar polo seu corpo mentres procura achegarse a unha rapaza.

Entradas
A entrada ás proxeccións realizarase mediante abono único, dispoñible na Billeteira da web do Concello de Ames. O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións e obradoiros. Para asistir aos obradoiros é preciso inscribirse no mail actividades@cinemamiudo.gal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *