Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 diciembre, 2024
O Circo de Pinocho instalarase en Santiago de Compostela do 20 de decembro ao 4 de xaneiro, presentando un espectáculo pensado para todo tipo de públicos, desde os máis pequenos ata os maiores. “Non queremos que o público pense que o circo é só para nenos. O obxectivo é que calquera persoa, independentemente da súa idade, disfrute do espectáculo”, destacou Xandre, director e productor do circo, en declaracións a Radio Líder Santiago.
Este circo, que combina a tradición circense clásica coa innovación teatral e musical, naceu co propósito de unir xeracións. “O circo sempre ofrece varias lecturas. Os nenos gozan coas personaxes como Pinocho ou Gepeto, mentres que os adultos aprecian a dificultade dos números, o risco e a narrativa detrás de cada escena”, explicou Xandre.
A proposta inclúe unha ampla variedade de números, como malabares, monociclo, trapecio e incluso unha actuación aérea sostida só polo cabelo dunha artista. “Quixemos facer un espectáculo completo, cunha historia detrás que xustifique cada número e que emocione ao público”, indicou o director. Ademais, o circo renuncia ao uso de animais, centrando a súa esencia en números humanos cheos de creatividade e talento.
Innovación e arraigo galego
Un dos principais atractivos deste espectáculo é que é 100% galego. Desde a súa carpa, cun aforo de 450 persoas, ata a lingua utilizada, todo está impregnado dunha identidade única. “Somos o único circo de carpa galego e estamos orgullosos de representar a nosa cultura. Queremos que o público se sinta próximo aos artistas, porque esa proximidade é o que fai máxico o circo”, comentou Xandre.
O Circo de Pinocho é producido por Educateatro, coñecido por éxitos como Os Tres Porquiños e Carapuchinho Vermello. Esta vez, o equipo ofrece unha continuación da historia clásica de Pinocho: convertido en neno de verdade, decide cumprir o seu soño de fundar un circo.
Funcións e localización
O circo instalarase no parque de As Cancelas. Haberá funcións todos os días, con horarios variables en festivos e fins de semana. Para consultar a programación completa e mercar entradas, recoméndase visitar a páxina web circodepinocho.gal.
Radio Líder Santiago tamén anunciou un sorteo de entradas para a estrea deste venres, animando aos ouvintes a participar.
“Queremos que todo o mundo goce e descubra a maxia do circo. É un espectáculo que vale a pena ver, tanto pola súa calidade artística como polo traballo e cariño que hai detrás de cada número”, conclúe Xandre.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)