Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 abril, 2026
Codeso convértese hoxe nun dos epicentros da festa en Galicia. Esta pequena parroquia de Boqueixón, con menos de 300 habitantes, acolle a primeira actuación da orquestra Panorama na comunidade nesta nova tempada, no marco da cuarta edición do CodeFest.
Detrás deste evento hai unha comisión formada por xente nova da parroquia que, en apenas catro anos, conseguiu situar Codeso no mapa das grandes verbenas galegas. “Hai moito traballo detrás que a xente non ve”, explica Roberto Serto, membro da organización, ao referirse ás horas de preparación, reunións e xestión que require cada edición.
O proxecto comezou coa intención de recuperar as festas grandes no pobo. “Empezamos seis rapaces con ganas de volver ter festas grandes en Codeso”, lembra. Hoxe son dez as persoas que integran a comisión, mantendo un traballo constante ao longo de todo o ano.
Un dos retos principais é o financiamento. “A base de vender cousas, facer comidas e pedir axuda a empresas que colaboran con nós”, resume Serto, explicando como conseguen reunir os recursos necesarios para traer orquestras de primeiro nivel.
A evolución do CodeFest reflicte esa aposta. Na primeira edición, a comisión logrou traer a París de Noia xunto co DJ Carlos López; no segundo ano, estiveron a orquestra Olympus e o Grupo Origen; e na terceira edición, volveron contar coa Olympus e coa orquestra Finisterre, nunha progresión que culmina agora coa Panorama.
Ese crecemento tamén se percibe na resposta da veciñanza. “Din que estamos un pouco tolos”, comenta Serto, en referencia ao nivel de dedicación que implica sacar adiante un evento destas características.
A programación de hoxe arrancará a partir das 22:30 horas coa Disco Móbil Pirámide XL. A continuación, será a quenda da orquestra Panorama, que ofrecerá varias horas de espectáculo, antes de dar paso á sesión do DJ Marcos Kintana, encargado de pechar a noite. A festa contará tamén con servizo de pulpeiro durante a noite, completando a oferta para o público asistente.
Este tipo de eventos están a ter tamén repercusión máis alá da propia parroquia. As propias orquestras valoran especialmente o ambiente que atopan en Codeso, recuperando a esencia das verbenas máis tradicionais. Segundo relata Serto, integrantes da Olympus destacaban o mérito de levar a verbena a “sitios pequenos, como cando empezaron”.
Pero a actividade da comisión vai máis alá desta cita. Ao longo do ano tamén organizan outras dúas festas na parroquia: a festa patronal no mes de decembro e outra celebración no verán, polo San Paio. Tal e como explica Serto, son eventos “máis pensados para a xente do pobo”, centrados en compartir e manter viva a tradición local.
A traxectoria do CodeFest deixa tamén anécdotas que definen o seu crecemento. “O primeiro ano ía ser todo con carpa, pero ao final decidimos montar escenario”, lembra Serto, quen recoñece que aquela decisión supuxo un maior esforzo, pero tamén marcou o camiño das seguintes edicións.
A difusión do evento é outro dos piares do éxito. A comisión aposta de maneira decidida polas redes sociais para chegar a máis público. “É o que máis move hoxe en día”, explica Serto, quen destaca tamén a colaboración do creador de contido Christian Lucas, que contribúe a amplificar o alcance do CodeFest nas plataformas dixitais.
A entrada será gratuíta, aínda que se solicitará un pequeno donativo para o estacionamento, unha das fórmulas coas que a comisión trata de facer viable o evento.
A poucas horas da cita, a comisión afronta os últimos preparativos con ilusión, coa intención de volver encher o campo da festa e seguir consolidando un proxecto que xa é referencia. “Estamos poñendo Codeso onde nunca estivo”, conclúe Serto.
Escrito por Líder Redacción
CodeFest Codeso Codeso Boqueixón Comisión Festas Codeso Orquesta Panorama Panorama Codeso Roberto Serto



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)