Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 septiembre, 2024
04/09/2024 O centro sociocultural de Conxo celebrará a súa XXXVII Semana Cultural desde mañá ata o 12 de setembro, con diferentes actividades para todos os públicos. O concelleiro Xan Duro presentou a programación, «coa que o CSC reivindica o seu papel dinamizador da veciñanza, e se suma ademais ás festas do barrio que se celebrarán na fin de semana».
Na rolda de prensa tamén participou o técnico responsable do centro sociocultural Aurelio Aguirre, Xulio Noya, que salientou que «a Semana Cultural é unha actividade da veciñanza, que nos permite poñer en valor espazos de encontro para a cidadanía que van máis alá do centro sociocultural».
Actividades familiares na fin de semana de festa
A XXXVII Semana Cultural de Conxo comezará mañá ás 18.30 horas, cunha representación de teatro infantil da compañía Paso de Valverde que porá en escena «Os contos clásicos de tía Carolina». Para as 20.00 horas, está prevista a inauguración da exposición «Os camiños de Rosalía» no CSC, con imaxes do fotógrafo de Conxo Javier Albarrán enfiadas con textos de Rosalía de Castro.
Desde o venres e durante toda a fin de semana, o público familiar será o protagonista das da Semana Cultural de Conxo. Así, na tarde do venres no Campo de Conxo haberá xogos tradicionais e populares, xogos en familia, xadrez na rúa ou experiencias de realidade virtual. No sábado, as propostas comezarán ás 11.30 da mañá, con actividades relacionadas coa ciencia, a literatura ou a arte, cunha tarde de festa na carballeira do Banquete.
Deporte e música
O responsable do CSC Aurelio Aguirre salientou tamén que hai outras moitas propostas de carácter deportivo, artístico e lúdico, nas que ademais están implicados diferentes colectivos e entidades con moita presenza no barrio. Así, haberá unha visita á horta urbana guiada por Pura Seoane; un campionato co Clube Conxo de Tenis de Mesa; unha actividade coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico para coñecer esta disciplina; ou unha ximcana ciclista co Club Ciclista Muebles Compostela.
Tamén están previstas diversas propostas para coñecer mellor o barrio de Conxo, entre as que destaca a mesa redonda que se celebrará o día 10, baixo o lema «Preparando o Centenario», e na que se falará dos cen anos da adhesión do antigo concello de Conxo ao de Santiago, que se cumprirán en maio de 2025. Nela participarán Luís Pasín, o historiador Rafael García Ferreira, ou o presidente da asociación veciñal Conxo Aberto, Suso Santos.
Por último, na Semana Cultural de Conxo haberá moita música, con actividades como os cantos de taberna cos Muiñeiros do Sarela, un concerto de Gloria Pavía e Rafa Morales, enmarcado no ciclo Terraceamos +, a actuación de Xoán Curiel e Carlos Freire organizado en colaboración coa Central Folque, ou o concerto da Real Filharmonía de Galicia na Igrexa da Mercé de Conxo.
Imaxe da Semana Cultural
Na presentación, o concelleiro de Centros Sociculturais puxo en valor a imaxe elixida para a XXXVII Semana Cultural de Conxo, un mural feito por Pri Barbosa no marco do DELAS FEST e que ilustra «a tres veciñas de Conxo, moi queridas, que fan tecido e rede comunitaria a través da iniciativa que elas chaman o parlamento que non é outra que xuntarse a veciñanza da Fervenza na rúa a falar, a festexar e a poñer en común, mantendo eses espazos informais de relación que se están perdendo nas cidades». O DELAS FEST, explicou Xan Duro, está organizado ademais por 7H Cooperativa Cultural, asentada actualmente en Conxo.
A Semana Cultural de Conxo xurdiu en 1986 da man da Asociación Cultural Arco da Vella, que se encargou da súa organización ata 1994, ano no que desapareceu o colectivo. Desde entón, a organización asúmea o Concello de Santiago, a través do departamento de Centros Socioculturais.
Escrito por Líder Redacción
compostela conxo noticias compostela radio lider santiago santiago semana cultural
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)