Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Apalpador visitará Ames o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A visita, enmarcada dentro do programa Apego, contará tamén coas actuacións musicais da Banda da Montaña e de Cé Orquestra Pantasma
Para asistir, é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos dos asistentes, idade dos cativos e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto do 5 ao 12 de decembro
Ames, 4 de decembro de 2025.- O Apalpador visitará Ames o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A visita, enmarcada dentro do programa Apego, contará tamén coas actuacións musicais da Banda da Montaña e de Cé Orquestra Pantasma. Para asistir, é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos dos asistentes, idade dos cativos e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto do 5 ao 12 de decembro.
Chegou decembro e canda el van vindo os preparativos para o Nadal. O señor Apalpador ten todo preparado para a súa viaxe e, un ano máis, vai comezar por Ames. Vén acompañado da Banda da Montaña para animarnos a recibir o Nadal cantando e bailando.
Chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres 12 de decembro, ás18.00 horas, cargado de contos e cantos e cun agasallo para todas as crianzas. Deste agasallo só nos contou que é máxico e que naceu na Serra do Courel. Ademais, recollerá todas as cartas e debuxos que lle deixen as nenas e os nenos.
Este ano desde o Concello de Ames temos unha sorpresa para el e para todas as nenas e nenos que se acheguen, ímolo recibir cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma, que volverá Ames para contaxiarnos a todas e todos co seu ritmo.
A entrada vai ser de balde, pero é necesario facer a inscrición coma en calquera outra actividade do programa Apego. O prazo de inscrición está aberto do 5 ao 12 de decembro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.
Nesta ligazón pode descargarse a carta de Nadal que os cativos desexen entregarlle ao Apalpador, e nesta outra ligazón as posibles propostas de agasallos que poden pedir.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)