Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 enero, 2026
Pola esquerda os alcaldes: Xoán Xosé Castaño (Catoira), Maite Tocino (Pontecesures), Xavier Castro (Dodro), Anxo Arca (Padrón) e Ramón Tojo (Rois).
Padrón. 9-1-2026.- O Auditorio Municipal de Padrón acolleu esta mañá o inicio dunha nova etapa profesional para cen persoas desempregadas de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures, Catoira e Valga. A apertura do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2025-2026 marca o arranque de nove meses de formación intensiva deseñada especificamente para cubrir as vacantes técnicas que demandan as empresas do tecido produtivo da comarca.
O proxecto, que conta cun investimento próximo aos 300.000 euros cofinanciados pola Xunta de Galicia e o SEPE, consolídase como unha ferramenta fundamental para a dinamización económica local. O rexedor de Dodro, Xavier Castro, destacou a traxectoria dun programa que cumpre nove edicións: “Ofrecemos unha formación directa, rápida e a que demandan as empresas da comarca. Esta é unha ocasión única para formarvos e atopar un traballo”, suliñou ante o alumnado presente.
Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, quixo poñer en valor a importancia da formación de proximidade para fixar poboación e talento no territorio. Arca animou aos participantes a “aproveitar unha oportunidade única de formarse naqueles campos que precisan as empresas da comarca, o que vos pode axudar a traballar preto das vosas casas”. O rexedor padronés amosouse optimista respecto aos resultados, confiando en que este ano volva superarse o obxectivo mínimo do 37% de inserción para achegarse ou superar a metade do alumnado con emprego ao remate do ciclo.
Ao acto de inauguración, ademais de Anxo Arca e Xavier Castro, tamén asistiron a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, e os alcaldes de Catoira, Xoán Xosé Castaño, e de Rois, Ramón Tojo. Non puido asistir o rexedor de Valga.
O obxectivo Programa Integrado de Emprego 2025-2026 é mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción laboral mediante accións personalizadas que combinan orientación, formación e prácticas en empresas. O itinerario inclúe entrevistas individuais, asesoramento laboral, talleres de habilidades sociais, intelixencia emocional, mobilidade laboral e preparación para procesos de selección.
A parte formativa centrarase en sectores cunha alta demanda de persoal, como: industrias alimentarias, fabricación mecánica, téxtil e confección, administración e xestión, comercio e loxística, hostalería e turismo, servizos á comunidade, sociosanitario ou imaxe e son.
As persoas participantes tamén poderán realizar prácticas non laborais en empresas da contorna, e contarán cunha bolsa diaria de 10 euros para facilitar a asistencia ás actividades formativas.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)