Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 julio, 2025
A iniciativa, que orixinalmente naceu no 2021 como os Seráns de Tapia ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello
Blas García destaca que “a intención é ir ampliando a outras parroquias do noso concello e trasladalo ao rural. Este ano incorporamos tres parroquias novas coma Ortoño, Covas e Trasmonte e, ademais, procuramos que coincidiran coas festas parroquiais para aumentar así as xornadas festivas. Deste xeito, é unha oportunidade para que todos os veciños e veciñas do rural teñan oportunidade de poder ver todas as actividades que facemos no concello”
Ames, 1 de xullo de 2025.- Por cuarto ano consecutivo, os “Seráns de Ames” volven a traer diferentes actividades musicais, teatrais e de circo ás parroquias do rural amesán para todos os públicos. Desta volta, incorpóranse por primeira vez como sedes dentro do programa Ortoño, Covas e Trasmonte. A iniciativa, organizada polo departamento de Bibliotecas coa colaboración das áreas de Mocidade, Cultura e Normalización Lingüística, trae un total de seis propostas en cinco parroquias do concello, que se desenvolverán os xoves dos meses de xullo e agosto, sempre a partir das 19.00 horas. Os seráns comezan este xoves, 3 de xullo, cun pregón a cargo de Inés Suárez, do grupo As Maianas, e co espectáculo de circo dirixido ao público infantil e familia, Ghop!, Teatro ao cubo.
A cuarta edición dos Seráns de Ames xa está aquí, unha programación de verán que propón diferentes actividades polas parroquias do rural amesán. Como novidade, este ano estréanse como sedes Ortoño, Covas e Trasmonte, repartindo así as seis actividades previstas, que terán lugar os xoves de xullo e agosto a partir das 19.00 horas, nun total de cinco parroquias.
A iniciativa, que orixinalmente naceu no 2021 como os Seráns de Tapia ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello.
O responsable do departamento de Bibliotecas, concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística e alcalde de Ames, Blas García, destaca que “a intención é ir ampliando a outras parroquias do noso concello e trasladalo ao rural. Este ano incorporamos tres parroquias novas coma Ortoño, Covas e Trasmonte e, ademais, procuramos que coincidiran coas festas parroquiais para aumentar así as xornadas festivas. Deste xeito, é unha oportunidade para que todos os veciños e veciñas do rural teñan oportunidade de poder ver todas as actividades que facemos no concello”.
Os Seráns de Ames desenvolveranse ao longo de tres xoves do mes de xullo e outros tres xoves do mes de agosto, alternando as propostas entre a praia fluvial de Tapia, a carballeira de Bugallido, e os campos da festa de Ortoño, Covas e Trasmonte.
Pregón de Inés Suárez e espectáculo de circo
A praia fluvial de Tapia volverá a abrir un ano máis o programa, que dará comezo este xoves 3 de xullo, ás 19.00 horas, co pregón inaugural, que realizará Inés Suárez, integrante do grupo As Maianas, e co espectáculo de circo, dirixido a público infantil e familiar, Ghop!, de Teatro ao cubo.
Inés Suárez, natural de Augapesada, explicou que lle fai moita ilusión dar o pregón de inicio dos Seráns de Ames deste ano. “Falarei da tradición galega relacionada cos seráns e foliadas, que xa se organizaban cando nós eramos pequenas nas nosas propias casas. Ademais, aproveitando que este ano se dedicou o Día das Letras Galegas á tradición popular oral, personificada nas cantareiras, vou a poñer en valor a figura das pandeireteiras nas foliadas. Tamén haberá algunha sorpresa musical, e como non pode ser doutro xeito, algunha referencia e anécdota do grupo As Maianas”.
De seguido, representarase o espectáculo infantil Ghop!, de Teatro ao cubo. Ghop! vén de Hop! ¿Que sería de nós sen a gheada para facer que esta palabra de ímpeto soe completa e a nosa querida “h” non fique muda coma sempre?
Ghop! imprime con enerxía un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas, vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar.
Programación dos “Seráns de Ames”
Por outra banda, o xoves 10 de xullo, ás 20.00 horas, terá lugar no campo da festa de Ortoño a actuación musical Lembra Xabarín, unha proposta para todos os públicos que pretende viaxar no tempo para así volver aos anos 80 e 90 e rememorar á época do Xabarín Club para os adultos e descubrilo para os máis pequenos.
Así mesmo, os Seráns de Ames continuarán o xoves 17 de xullo, tamén ás 20.00 horas, no campo da festa de Covas, unha das parroquias que se estrean neste programa. Nesta xornada haberá dúas propostas, unha delas, será o concerto do grupo de mozos amesáns Teen, cun estilo musical máis instrumental, e a continuación, será a quenda de Los Starbros, unha agrupación formada tamén por mozos que están a comezar no mundo da música e que están apostando polo rock.
A programación do mes de agosto comezará o xoves 14, ás 20.00 horas, no campo da festa de Trasmonte, coa actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas. Balseiro, músico e compositor dende os 14 anos, ten participado en numerosos proxectos e con bandas ao longo da súa traxectoria profesional, e acumula ás súas costas máis de 600 concertos ás súas costas.
Na mesma liña, a carballeira de Bugallido acollerá o xoves 21 de agosto, ás 20.00 horas, o espectáculo dirixido para todos os públicos do grupo formado polas ex-integrantes de Leilía, Montse Ribera e Mercedes Prieto, As Armadanzas “Do Courel ao Condado”. Nesta proposta, farase unha viaxe por todo o folclore galego, interpretando pezas de diferentes localidades galegas.
Como vén sendo habitual, a praia fluvial de Tapia tamén será o escenario escollido para pechar os Seráns de Ames. Nesta ocasión, a derradeira xornada do programa terá lugar o xoves 28 de agosto, a partir das 17.30 horas, con dúas actividades. A primeira delas, será Xogos miudiño, dirixida para as crianzas. Xa ás 19.30 horas, pecharanse os Seráns de Ames coa actuación musical de Mary Iglesias.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)