AD

Destacado

Comunicado dos catro edís díscolos do PSOE en Santiago

today24 abril, 2025

Fondo
share close
AD

«Desde o Grupo Municipal Socialista queremos pedir desculpas públicamente a todas as veciñas e veciños de Santiago de Compostela polo comportamento dos dous compañeiros de grupo, Gumersindo Guinarte e Marta Abal, tras ausentarse sen causa xustificada e sen notificación previa da sesión ordinaria do Pleno da Corporación deste xoves.

Unha decisión que vulnera as súas obrigas como concelleiros desta cidade e que, alén de consideracións políticas, supón unha falta de respecto ás veciñas e veciños ás que temos a enorme honra e responsabilidade de representar.

Pedimos desculpas pola imaxe lamentable que se traslada á cidadanía da política con este tipo de actos, que se suman a unha longa lista de precedentes dos que nos avergoñamos como socialistas. Un novo acto no que se empregou o pleno municipal como escaparate para presionar e alterar un procedemento —tutelado polo secretario do Concello— ao que teñen dereito as concelleiras e concelleiros expedientados.

Co obxectivo de garantir transparencia, aclaramos os seguintes puntos:

  1. Competencia nos prazos: Nin os concelleiros nin a Alcaldesa poden fixar os prazos dun procedemento de audiencia administrativa. Este está rexido pola lei, aplicada con rigor polos funcionarios (neste caso, o secretario xeral do pleno), garantindo o dereito a defensa e o debido proceso.

  2. Respeto ao persoal do Concello: Reiteramos o noso apoio ao traballo dos funcionarios e rexeitamos calquera intromisión no seu labor.

  3. Alegacións presentadas: O noso portavoz, Gonzalo Muíños Sánchez, presentou as súas alegacións e probas documentais dentro do prazo establecido (48 horas antes). O equipo funcionarial dispón agora de 10 días hábiles para revisar a documentación e emitir o informe oportuno.

  4. Liberdade de iniciativa: Todas as concelleiras e concelleiros do Grupo Municipal Socialista poden presentar propostas ao Pleno. Nas últimas sesións, non se acadou o límite máximo de iniciativas, facilitando que todos puidesen participar. Estas propostas consensúanse en reunións de grupo —ás que Guinarte e Abal non asistiron nos últimos meses sen xustificación—.

  5. Contradición na actitude: É paradoxal que estes dous concelleiros se ausenten do Pleno tras participaren activamente nas comisións informativas, incluso como portavoces.

  6. Transparencia interna: Durante todo o mandato, facilitouse a todos os membros do grupo (e á dirección local do partido) o acceso ás iniciativas, documentación do Pleno e memorias de actividade, incluído este mes de abril.

Os concelleiros Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez reafirman o seu compromiso con Santiago de Compostela, co electorado socialista que respaldou a súa candidatura en 2023 e co programa electoral presentado.

Seguiremos actuando con responsabilidade, lealdade e coherencia, porque somos socialistas, pero sobre todo, veciñas e veciños desta cidade».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *