Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 diciembre, 2024
Arzúa, 9 de decembro de 2024. O Concello de Arzúa e a Deputación da Coruña formalizaron hoxe un convenio que reforza a Festa do Queixo como un evento integral que combina cultura, turismo e apoio aos sectores estratéxicos da bisbarra. O acordo, asinado esta mañá na sede provincial polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde de Arzúa, Xesús Carril Ramos, destina 120.000 € á 49ª edición, un investimento que multiplica por catro a achega provincial dos últimos anos e que supón o 37 % do orzamento total.
«Agradecemos á Deputación, nomeadamente ao vicepresidente Xosé Regueira, este novo compromiso coa Festa do Queixo. Desde a primeira reunión, a Deputación da Coruña amosou interese en consolidar e aumentar o seu apoio a este evento, que non só promove o noso queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, senón que preserva e promociona o noso patrimonio cultural ao tempo que dinamiza a nosa economía local», afirmou o alcalde, Xesús Carril Ramos.
Un novo compromiso coa Festa
Ata o de agora, o apoio da Deputación centrárase principalmente en apoiar os concertos musicais da festa. Coa firma deste convenio, o Concello conseguiu que a achega provincial abranga todas as fases de produción do evento: desde a promoción e difusión, ata a instalación das infraestruturas e a organización dos stands e as actividades complementarias.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou: “ a particularidade” desta festa, “que vai máis aló da gastronomía e da música para converterse nunha celebración da nosa identidade colectiva que xa forma parte do patrimonio da provincia, e que ademais é declarada festa de interese turístico de Galicia dende o 1999”. “Ademais”, engadiu, “representa un motor económico fundamental, polo que encaixa á perfección coa nosa estratexia turística que promove un impacto positivo na contorna tanto a nivel económico como social e medioambiental”.
Cara á 50ª edición: medio século “queixeando”
O Concello de Arzúa xa adiantou hai uns meses que xa está a traballar na planificación da 50ª edición da Festa do Queixo, na que queren aproveitar o simbólico da cifra, para acadar novos acordos institucionais que colaboren coa consolidación do evento. Novas reunións e colaboracións que buscarán reforzar aínda máis a traxectoria histórica deste evento, que combina tradición e modernidade. E xa leva medio século de exaltación gastronómica e cultural ininterrumpidas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)