Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 marzo, 2026
A concelleira de Xuventude de Santiago, María Rozas, defendeu o papel activo da mocidade nas políticas públicas da cidade durante unha entrevista na que abordou o funcionamento dos orzamentos participativos de xuventude, unha iniciativa que permite que mozos e mozas de entre 16 e 30 anos decidan directamente o destino dunha parte do orzamento municipal. A responsable municipal destacou que esta ferramenta “rompe estereotipos” e demostra que a xuventude quere implicarse nas decisións colectivas.
Segundo explicou, este ano volven poñerse en xogo 100.000 euros para actividades propostas e votadas pola mocidade compostelá, cun proceso aberto ata o 16 de marzo tanto a través de votación telemática como en urnas presenciais distribuídas pola cidade.
Rozas subliñou que esta iniciativa permite coñecer mellor os intereses da xuventude e desmontar a idea de que non participa na vida pública. “Os orzamentos participativos demostran xusto o contrario: os mozos e mozas de Santiago queren participar”, afirmou durante a entrevista.
Propostas diversas: do ocio á aprendizaxe práctica
Nesta edición presentáronse máis de cen propostas, que abranguen desde actividades culturais e de lecer ata iniciativas formativas. Entre elas hai proxectos de cine ao aire libre, música ou gastronomía, pero tamén cursos de habilidades prácticas como reparación de electrodomésticos, costura ou formación económica básica.
“As propostas que fan os propios mozos e mozas cada vez son máis diversas e interesantes”, explicou Rozas, que destacou tamén a presenza de iniciativas orientadas a aprender a xestionar ingresos ou mesmo a facer a declaración da renda.
Para a concelleira, esta variedade confirma que os intereses da mocidade son moito máis amplos do que adoita pensarse: “Rompe eses estereotipos que ás veces temos vinculados á xuventude e que non son certos”.
O sistema de votación permite seleccionar tres propostas por orde de prioridade, co obxectivo de fomentar unha visión máis ampla das iniciativas presentadas. Nos últimos anos adoitan executarse arredor de oito proxectos cada edición, dependendo do custo das propostas máis votadas.
Máis participación cidadá
Rozas aproveitou tamén para reivindicar a importancia de ampliar os procesos participativos na cidade. “A participación e a democracia non é só ir cada catro anos ás urnas, tamén hai moito que dicir durante ese tempo”, afirmou.
A concelleira lembrou que Santiago xa contou con experiencias de orzamentos participativos máis amplas en mandatos anteriores e mostrou o seu desexo de que no futuro a cidadanía poida decidir sobre unha parte maior do orzamento municipal.
O éxito da iniciativa compostelá, segundo explicou, chamou incluso a atención doutras administracións. De feito, a cidade acollerá a finais de 2026 un congreso ibérico sobre orzamentos participativos, no que participarán responsables de España e Portugal.
A futura Factoría da Mocidade
Durante a entrevista tamén abordou outro dos proxectos estratéxicos do departamento: a Factoría da Mocidade, que se construirá no esqueleto do antigo parque comarcal de bombeiros en Salgueiriños.
O proxecto contará cun investimento aproximado de cinco millóns de euros con fondos europeos e incluirá espazos de coworking, biblioteca, salas de concertos, áreas para podcast e zonas de encontro para a mocidade.
“Vai marcar un antes e un despois para os mozos e mozas de Santiago”, asegurou Rozas, que destacou a necesidade de crear espazos de socialización para adolescentes e xente nova fóra dos centros comerciais.
Segundo indicou, o proceso administrativo para redactar o proxecto está en marcha e a previsión é que as obras poidan comezar ao longo de 2027.
Política municipal e horizonte electoral
Preguntada tamén polo escenario político cara ás eleccións municipais de 2027, Rozas evitou entrar en clave electoral e insistiu en que a prioridade do seu grupo é o traballo no goberno municipal.
“Estamos centradas en mellorar a vida dos veciños e veciñas de Santiago nas áreas nas que temos responsabilidade”, afirmou.
Respecto ás posibles alianzas no espazo político da esquerda entre Sumar, Non adcritos e Compostela Aberta, a concelleira sinalou que as declaracións realizadas por outras formacións deberán ser explicadas polos seus propios portavoces.
Escrito por Líder Redacción
orzamentos participativos politica Santiago de Compostela xuventude



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)