Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 noviembre, 2023
20/11/2023.- A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais vén de convocar as primeiras reunións deste mandato de dous dos Consellos Municipais de participación que dependen do departamento, o de Persoas Maiores e o de Cooperación ao Desenvolvemento.
O Consello Municipal de Persoas Maiores celebrará mañá a súa primeira reunión deste mandato. Na xuntanza achegarase información sobre a futura Casa dos Maiores, que o Goberno proxecta nas antigas dependencias da Seguridade Social en San Pedro de Mezonzo; a situación o Servizo de Axuda no Fogar, e diferentes propostas achegadas polas entidades que fan parte do Consello.
Do Consello Municipal de Persoas Maiores forman parte a Plataforma de Pensionistas Compostela, Cáritas Diocesana, a Fundación Down Compostela, Cruz Vermella, a Federación de Asociacións Veciñais do Rural (FERUSA), a asociación COmpostela Solidaria, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos tipo Alzheimer (AGADEA), a Asociación de Loita contra as enfermidades do ril da Coruña (ALCER), a Asociación Internacional Teléfono de la Esperanza, a Plataforma SOS Sanidade pública, a Asociación Cultural da Saúde Natural (ASSANA), a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL) e o sindicato UGT. Tamén están representados todos os grupos da Corporación Municipal.
O Consello Municipal de Persoas Maiores quedou constituído en xaneiro de 2022, co obxectivo de impulsar medidas dirixdas a lograr un envellecemento activo e mellorar a vida das persoas maiores de Compostela. Entre as súas funcións as de promover a realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio de Santiago, cuxos resultados sirvan de base para propostas de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo e prestar apoio e a asistencia; propoñer a adopción de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a integración real e efectiva da veciñanza maior; ou impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, públicas ou privadas, para que desenvolvan actuacións para a promoción das persoas maiores.
Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade
Para o próximo martes está convocado o Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade, que non se reuniu ao longo do pasado mandato. Neste órgano, que quedou constituido en febreiro de 2019 por acordo unánime do Pleno da Corporación, están representadas as asociacións veciñais, ONGDs, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, o Consello Económico e Social, o Foro Cívico, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Foro Galego de Inmigración, ademais dos catro grupos que forman a Corporación municipal.
O Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade é un órgano consultivo de participación cidadá para a análise, asesoramento e seguimento das accións en materia de cooperación internacional ao desenvolvemento, educación para a cidadanía global e acción humanitaria do Concello de Santiago.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)