AD

Deportes

Da Copa do Sar á Copa do Rei: Falamos con Adrián Vázquez, adestrador da SD Negreira

today16 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

A SD Negreira enfróntase á Real Sociedad na Copa do Rei nun partido histórico para o club, para o pobo e para todo o fútbol galego

Redacción, 16 de outubro de 2025.- O fútbol ten a capacidade única de converter soños en realidade. E en Negreira, un pequeno municipio do interior da provincia da Coruña, están a piques de vivir un deses momentos que marcan época. O vindeiro 28 de outubro, ás 21:00 horas, o modesto SD Negreira, equipo da categoría Preferente, recibirá á poderosa Real Sociedad, equipo da Primeira División española, nun partido da primeira rolda da Copa do Rei. O encontro terá lugar no propio campo municipal Jesús García Calvo, ante unhas 3.000 persoas e con repercusión nacional.

«Chegar ata aquí foi case un milagre«, recoñece con humildade e orgullo o adestrador do equipo, Adrián Vázquez, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago. Pero o camiño non foi froito da sorte, senón dunha cadea de éxitos deportivos que comezou hai case un ano. “Anotámonos na Copa do Sar por primeira vez, gañámola, e iso levounos a disputar a Copa da Deputación, logo a Supercopa de Galicia…”, relata Vázquez. Unha escalada meteórica, pero ben traballada, que culminou coa súa clasificación para a Copa do Rei tras vencer ao campión cántabro.

A forza da casa

Un dos puntos máis emocionantes desta historia é que o partido non se xogará nun estadio neutral nin de maior capacidade, como o Vero Boquete de San Lázaro, senón no propio campo do Negreira. “Foi unha decisión clara desde o principio: tiña que ser aquí. Isto só pasa unha vez na vida”, asegura o míster. A directiva e o Concello tiveron que mover ficha para adaptar a instalación aos requisitos da Federación Española de Fútbol: mellorar a iluminación para a retransmisión televisiva, crear espazos para a prensa, controlar accesos… Todo sen axuda profesional, nun club onde todos os membros compaxinan o fútbol co seu traballo.

O campo, que conta cun bo céspede natural e instalacións dignas, non terá gradas supletorias, mais si un ambiente que promete ser inesquecible. As entradas, vendidas en primeiro lugar a socios e socias, están voando. “Todo o mundo está pedindo reservas por WhatsApp. Vai ser un cheo total”, di Vázquez. A estimación actual é dun aforo de 3.000 persoas, con posible ampliación a 300 máis segundo a demanda.

Soñar sen complexos

Na voz do adestrador hai ilusión, pero tamén realismo. Sabe que o rival é un dos grandes da Liga. “Hai moitísima diferencia entre categorías. A ilusión está, pero somos realistas. Queremos competir o mellor posible e deixar unha boa imaxe”, explica. E engade, cun sorriso: “Sempre digo que non aposten por nós… ou acabarán perdendo cartos!”.

A plantilla afronta o reto con tranquilidade, sabedores de que o importante non é só o resultado, senón o que significa este partido para o club e para o pobo. A Liga segue o seu curso —van terceiros—, pero a Copa copa todas as miradas. “É un día para disfrutar. Para que quede na memoria de todos”, afirma Vázquez.

Visibilidade e orgullo

Nos últimos días, moitos medios nacionais puxeron o foco no SD Negreira. Algúns non puideron evitar facer referencia, con certa sorna, ao nome do club e a súa coincidencia co mediático “Caso Negreira” que salpicou ao FC Barcelona. Pero no equipo lévano con deportividade. “Aquí, en Galicia, Negreira é un nome con historia no fútbol. Levamos moitos anos e nunca se nos asociou con nada diso. Se serve para darnos visibilidade, benvido sexa”, apunta o adestrador.

O ambiente no municipio é de euforia controlada. Negreira é unha vila moi ligada ao fútbol. “Os domingos sempre hai xente no campo, pero agora multiplícase por dez”, asegura. O apoio social e institucional está sendo total. Todo está listo para que, por unha noite, Negreira sexa o epicentro do fútbol español.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *