Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 febrero, 2025
O portavoz do BNG, Pablo Vidal, evidenciou que os locais cedidos polo concello de Ordes para o uso como dependencias da Mancomunidade de Ordes, situados debaixo da alameda na rúa Xoxardo “presentan numerosas humidades de filtracións producidas polo teito dos mesmos”.
Vidal manifesta que “estas humidades orixinan problemas no pavimento, levantando e deformando a madeira que o compón, ascenso de humidades por capilaridade polos tabiques, existencia de remendos improvisados mediante cubos que recollen a auga filtrada…”, o que para o voceiro do BNG supón que “o inmoble conte cunhas condicións de salubridade inaceptables tanto para o persoal traballador da propia mancomunidade como para a veciñanza que alí acude, chegando mesmo a existir despachos inutilizables”.
Desde o BNG, instaron ao alcalde a “arranxar definitivamente estes problemas de filtracións de humidade, fuxindo da aplicación de remendos improvisados, impropios de calquera tipo de local público”.
A DESIDIA DO GOBERNO MUNICIPAL COS PROBLEMAS DE VILASUSO
Entre outros temas de interese municipal, o BNG tamén levou a pleno a situación do núcleo de Vilasuso (Bean), onde aseguran que “existe un problema coas augas pluviais, resultando habitual nas épocas de choiva que rematen circulando pola vía pública na vez de polas cunetas”.
O portavoz do bloque, Pablo Vidal, considera que “isto supón problemas tanto para a seguridade viaria, como para a salubridade das vivendas existentes no núcleo, dado que xa ten entrado auga no seu interior”.
Vidal lembrou que desde o BNG, “xa trasladamos ao goberno municipal a existencia deste problema en novembro de 2023”, polo que na súa opinión “resulta inaceptable que pola desidia do alcalde, volvan a darse estas situacións novamente, como ven de acontecer nos meses de decembro e xaneiro”.
É polo que a formación nacionalista reclamou “actuar na zona para solucionar o problema e que as augas pluviais circulen pola cuneta e non pola vía pública”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)