AD

Actualidad

Derbi galego na Caldeira: choiva de peluches solidaria e visita do carteiro real

today19 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD

O Nadal é unha época chea de maxia, alegría e soños cumpridos, especialmente para os máis pequenos da casa. A ilusión de escribir a carta aos Reis Magos e a emoción de atopar o salón cheo de agasallos é unha lembranza que nos acompaña toda a vida. Este ano, esa maxia pode ser aínda máis especial en Santiago, grazas ao Monbus Obradoiro e as súas iniciativas para facer deste Nadal un momento inesquecible.

A máxica choiva de peluches

O próximo 29 de decembro, durante o partido contra o Club Ourense Baloncesto, o Multiusos Fontes do Sar converterase no escenario dunha fermosa acción solidaria: a choiva de peluches. Este evento, en colaboración con Indupanel e Obra Social Pediatría, busca garantir que ningún neno da cidade quede sen un agasallo no Día de Reis.

Como participar?

Cando o speaker o indique, os asistentes lanzarán á pista os seus peluches, que serán recollidos e doados a Obra Social Pediatría. Esta entidade encargarase de facer chegar os peluches a nenos que, por diversas circunstancias, non poden celebrar o Nadal na súa casa.

Convidamos a toda a afección do Monbus Obradoiro e aos seguidores do Club Ourense Baloncesto a traer un peluche en perfecto estado. Cada agasallo será un símbolo de ilusión e esperanza, e contribuirá a encher de sorrisos os corazóns das familias que máis o necesitan.

O Carteiro Real visita o Fontes do Sar

Como parte desta xornada máxica, o Carteiro Real das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente fará unha parada especial no Fontes do Sar. Desde as 18:00, no hall do Multiusos, estará recollendo as cartas dos máis pequenos e escoitando os seus desexos.

Antes do inicio do partido, o Carteiro Real tamén terá un papel destacado, entregando o balón de xogo aos árbitros como símbolo de bos desexos para os dous equipos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%