AD

Comarca

Día de Rosalía en Ames con todas estas actividades

today13 febrero, 2025

Fondo
share close
AD

O Concello de Ames súmase un ano máis á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais de Galicia e que, ademais, foi veciña da aldea da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha parte da súa infancia.

A programación deste ano, como vén sendo habitual, busca a participación da veciñanza, ofertando unha ampla variedade de actividades para todas as idades, mais poñendo o foco na poboación máis nova. Deste xeito, a programación deste ano pretende estimular e dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá, poñendo en valor e achegándolles referentes en canto ao uso da nosa lingua.

Programación Día de Rosalía 2025
A programación deste ano está deseñada e coordinada entre os departamentos de Bibliotecas, Normalización Lingüística e Turismo. A primeira das actividades programadas para conmemorar o Día de Rosalía é “Rosalía Cantareira” de Jara Ortiz, un concerto didáctico que tamén forma parte do programa Apego e que achegará as crianzas á parte máis musical da poeta. A actividade desenvolverase este venres 14 de febreiro, ás 18.00 horas, no auditorio do Milladoiro.

A principal novidade do programa deste ano vén da man de Fernando Yáñez, coñecido por ilustrar os murais solidarios da fundación Art for Dent. Deste volta, o artista realizará unha intervención artística urbana ao aire libre, na que empregará como soporte as caixas de semáforos dalgunhas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. O principal obxectivo desta iniciativa é xerar impacto, proximidade e visibilidade entre toda toda a veciñanza e as persoas que se acheguen ou pasen polo Concello de Ames.

Concretamente, pintaranse catro caixas (tres localizadas en Bertamiráns e unha no Milladoiro) coa silueta de Rosalía e tamén cuns versos da autora. Este conxunto de murais complementa o mural solidario rosaliano da asociación Art for Dent, inaugurado no 2024 e situado na avenida da Maía en Bertamiráns.

Por outra banda, o venres 21 de febreiro, as crianzas dos comedores escolares municipais poderán volver a degustar un ano máis o caldo de gloria. Así pois, o alumnado dos comedores dos centros escolares de Ventín, Barouta, Agro do Muíño e Maía poderán degustar deste prato tradicional. O Caldo de Gloria aparece descrito no poema rosaliano “Miña casiña, meu lar”, en Follas Novas, no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que a rodea, facer un caldo de gloria.

Tamén se desenvolverán os obradoiros “Crea e debuxa”, dirixidos a crianzas a partir de 3º de primaria e que se impartirán o venres 21 no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns. Nesta actividade, a rapazada poderá amosar o seu lado máis creativo mentres que coñecen diferentes obras da ilustre escritora. O prazo de inscrición para participar está aberto ata o vindeiro 18 de febreiro e pódese facer chamando ao 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando o nome, apelidos e curso, o nome do adulto responsable e un número de teléfono de contacto.

O sábado 22 de febreiro volverá a realizarse a actividade xa habitual dentro da programación polo Día de Rosalía, “Viaxando con Rosalía”. Unha excursión literaria á Casa de Rosalía en Padrón, con paradas en Ortoño e Bastavales, que achegará as persoas asistentes á vida da escritora, sobre todo á súa especial relación co Concello de Ames. A viaxe estará guiada pola especialista rosaliana, María López Sández. Para participar, é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro.

Gala homenaxe a Rosalía de Castro
Como vén sendo habitual, desta vez o luns 24 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 19.00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. A gala volverá a estar presentada pola comunicadora e actriz Cristina Collazo e tamén contará coa actuación musical de Uxía Senlle e Santi Cribeiro. A entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio.

No evento participará todo o alumnado dos centros educativos de Ames, xunto con outras persoas representantes de diferentes colectivos amesáns. Deste xeito, realizarase un acto no que se busca a participación da veciñanza para poñer en valor a figura de Rosalía a través de recitados, música, actuacións e proxeccións.

Rutas teatralizadas pola Costa do Mar de Ovellas
Esta edición volverá a desenvolverse, tras a súa boa acollida o ano pasado, a andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema de Rosalía A probiña, que está xorda. Realizaranse un total de catro rutas, que contarán coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco.

Haberá tres funcións específicas para os institutos de Ames e realizarase unha para o público xeral. Os participantes farán un percorrido de dificultade media duns 5 quilómetros cun 10% de pendente.

A ruta destinada ao público xeral desenvolverase o domingo 9 de marzo e contará con servizo de traslado en autobús para as persoas asistentes, con saída desde O Milladoiro ás 10.00 horas e desde Bertamiráns ás 10.15 horas. Ademais de poder gozar da ruta, que comeza en Aguapesada e finaliza en Trasmonte, haberá ao final unha pequena festa con música e degustación de petiscos. A inscrición para participar estará aberta do 24 de febreiro ata o 6 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Por outro lado, as rutas programadas para os alumnos dos institutos de Ames desenvolveranse o martes 18 de febreiro e martes 11 de marzo para o IES do Milladoiro e o luns 17 de marzo para o IES de Bertamiráns.

Acto de presentación das actividades
Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Educación, Carmen Porto; a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, e a técnica de Turismo, Sonia Moure.

O alcalde de Ames e responsable dos departamentos de Normalización Lingüística, Turismo e Bibliotecas, Blas García, subliñou que “o Concello de Ames é un referente tamén no traballo e apoio de salientar a figura de Rosalía de Castro, xa que tamén está moi vencellada ao noso concello. Gústanos poñer en valor a súa figura e tamén amosar todo o que segue representando hoxe en día”.

Pola súa banda, a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, explicou que “queremos seguir achegándolle á veciñanza a figura e traxectoria de Rosalía, pois é unha figura coa que nos identificamos todas e todos os galegos e que segue moi vixente. É moi necesario seguir traballando con ela e transmitir esa imaxe de Rosalía empoderada, unha muller culta e feminista, comprometida con todas as causas xustas e, como non, coa lingua galega”.

Deste xeito, a concelleira de Educación, Carmen Porto, destacou que “esta programación tan ampla pretende achegar aos mozos amesáns a figura de Rosalía e amosarlles o seu legado e importancia dentro do noso concello”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *