AD

Comarca

Día de Rosalía en Padrón con actos institucionais, gastronomía e música

today13 febrero, 2025

Fondo
share close
AD
  • Os actos comezarán ás 13:30 horas co desfile dos xigantes de Rosalía e de Castelao cedidos polo Concello de Rianxo
  • Os establecementos hostaleiros ofrecerán degustacións do Caldo de Gloria
  • A tradicional ofrenda floral diante da estatua de Rosalía de Castro no paseo do Espolón será ás 18:00 horas

Padrón, berce da escritora máis universal de Galicia, conmemorará o vindeiro domingo 23 de febreiro o Día de Rosalía cunha completa programación organizada polo Concello de Padrón que se completará coas realizadas dende a Fundación Rosalía de Castro. A xornada incluirá actos institucionais, degustacións gastronómicas e actividades culturais co obxectivo de reivindicar a obra da autora e manter viva a súa memoria.

Os actos darán comezo ás 13:30 horas no centro da vila cunha alborada cos xigantes de Rosalía e de Castelao cedidos polo Concello de Rianxo que percorrerán as rúas achegando a esencia popular da festividade. A presenza de Castelao nesta homenaxe responde á declaración do 2025 como Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento. Rosalía de Castro e Castelao son dous exemplos de compromiso activo pola galeguidade, referentes imprescindibles da defensa da lingua, da xustiza social e do amor pola terra.

Paralelamente ao desfile, os establecementos hostaleiros de Padrón ofrecerán degustacións de Caldo de Gloria, unha receita inspirada nos versos da propia Rosalía que simboliza a resistencia e dignidade do pobo galego.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar un dos momentos máis emotivos da xornada: a tradicional ofrenda floral diante da estatua de Rosalía de Castro no paseo do Espolón. Este acto institucional renderá homenaxe á escritora, cuxo legado segue a ser un referente para a literatura e a identidade galega.

Os actos continuarán na Casa de Rosalía, onde ás 19:00 horas se celebrará unha nova degustación de Caldo de Gloria, nesta ocasión a cargo do cociñeiro Alberto Carou, do restaurante Curral do Marqués de Rianxo. Como peche da xornada, a cantante Antía Muíño ofrecerá un concerto ás 20:00 horas no auditorio da Casa de Rosalía, completando un día marcado pola cultura e a lembranza da escritora.

O Concello de Padrón convida a toda a cidadanía a participar nesta xornada de homenaxe a Rosalía de Castro, unha oportunidade para lembrar a súa voz e seguir espallando a súa mensaxe de xustiza e liberdade.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *