Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 noviembre, 2025
O alcalde de Agolada, Luis Calvo Miguélez, presentou oficialmente a súa dimisión despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmase a súa inhabilitación durante nove anos para exercer cargos públicos. A decisión chega tras meses de presión política no municipio, onde tanto o BNG como o PP reclamaban a súa saída inmediata ao coñecerse a sentenza.
Nun comunicado publicado nas súas redes sociais, Calvo subliñou que a súa renuncia “non supón o fin da súa actividade política” en Agolada. O xa exalcalde asegurou que continuará apoiando o proxecto do Partido Anticorrupción e Justicia (PAYJ) e advertiu de que seguirá traballando a favor dos intereses do municipio “dende onde corresponda”.
Ao longo da mensaxe, Calvo criticou con dureza determinadas manobras políticas dos últimos anos, referíndose a presuntos intentos de influír en concelleiros para alterar maiorías municipais e á “coordinación oculta” entre distintas formacións en momentos clave das votacións. Tamén fixo referencia a episodios acontecidos en eleccións anteriores e a pactos non recoñecidos publicamente entre partidos locais.
O rexedor destacou ademais que, durante o mandato do PAYJ, se impulsaron diversas obras e proxectos municipais que —segundo afirmou— “continuarán sen cambios” a pesar da súa saída do cargo. Aproveitou tamén para denunciar a que considera unha desigual distribución de recursos públicos na provincia, lembrando que concellos como Agolada ou Rodeiro non recibiron investimentos recentes fronte aos máis de 50 millóns destinados a Lalín por parte da Xunta.
No mesmo comunicado, Calvo anunciou ao ata agora tenente de alcalde, Óscar Val García, como o seu substituto á fronte da Alcaldía. O texto remata cunha mensaxe de confianza e continuidade política: “Volveremos a vernos nas urnas, sorte, o PAYJ está contigo.”
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)