Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O CPI de Dodro acolleu na tarde do pasado sábado o acto de entrega do XXXVII premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que organiza anualmente o concello. O poeta Miguel Cavadas recibiu o premio de mans do alcalde, Xabier Castro, e do concelleiro de Cultura, Ramón Abuín.
O xurado do certame acordou por maioría, o pasado mes de novembro, outorgarlle o galardón pola obra “Himno nacional” da que destacou «A frescura dunha voz poética que nos convida, sen ornamentos e dunha maneira moi honesta, a unha reflexión sobre os distintos xeitos de vivir o desarraigamento, o conflito de identidade que supón abandonar o fogar”.
No mesmo acto fíxose entrega dos galardóns do I MiniPremio aos traballos creativos de Sara Cascallar Novoa, na categoría ed. Primaria, pola obra «breixo e o nadal»; e a Saleta Rivo Bugallo, na categoría de ESO, pola obra “Olvido”.
Miguel Cavadas Docampo, naceu en Vigo en 1996, é escritor, guionista e creador escénico. Estudou filoloxía na USC e despois marchou a Los Ángeles (California) cunha Beca La Caixa para formarse en escrita para o cinema. Os seus relatos e poemas resultaron gañadores en certames como o Mazarelos (2015, 2019), o Xuventude Crea (2019) e o Díaz Jácome (2020).
Esta edición do premio estivo coordinado pola poeta Silvia Penas e o xurado composto por Lucía Aldao, Manuel López e Samuel Merino xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez. O acto de entrega foi organizado polo concello de Dodro coa colaboración da Deputación da Coruña.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)