Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 septiembre, 2025
O Consello da Xunta vén de autorizar a saída a información pública do proxecto de explotación do servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada da comarca do Barbanza. O plan supón un redeseño completo das liñas actuais para adaptalas ás necesidades reais da poboación, cunha aposta clara pola mellora das conexións internas e coa capital galega.
O proxecto contempla un investimento de 3 millóns de euros anuais durante cinco anos, o que eleva o orzamento total a máis de 15 millóns. Na práctica, traducirase en máis vehículos (48 en total, cinco máis que hoxe) e de maior capacidade, xa que 28 autobuses superarán as 55 prazas, fronte aos sete actuais.
Entre as novidades máis destacadas están as dúas liñas directas entre Ribeira e Santiago pola autoestrada, que ofrecerán 30 servizos ao día con frecuencias horarias e conexións ata as 22.15 horas. Parte destas expedicións incluirán paradas na Pobra, Boiro, Rianxo e tamén nos hospitais composteláns.
No ámbito comarcal, establécese unha liña entre Aguiño e Rianxo, con 60 servizos nos días laborables e 36 en fins de semana e festivos. Ademais, Dodro, Rois e Padrón incorporaranse á rede con novas conexións: unha liña entre Bexo e Santiago con dez servizos diarios e paradas hospitalarias, e outra que unirá Padrón e Dodro con Rianxo. O plan tamén garante o transporte escolar dos mozos de Dodro que cursan estudos en Padrón.
Con esta reestruturación, a Xunta pretende ofrecer un sistema máis eficiente, con mellores frecuencias e máis comodidade para os usuarios da bisbarra.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)