AD

Comarca

Doval fai balance de mandato en Oroso: “Estamos saldando vellas débedas”

today24 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O alcalde debulla os proxectos prioritarios do Concello, desde o novo local social de Oroso e a mellora de rúas en Sigüeiro ata as sendas peonís, a ampliación do pavillón e o reto da vivenda pública, ao tempo que reivindica a estabilidade do seu goberno e confirma a súa disposición a repetir como candidato.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, fixo balance en Radio Líder Santiago da marcha da lexislatura cun discurso de satisfacción pola evolución do mandato e coa vista posta nun último ano intenso en obras, servizos e proxectos estratéxicos. “Eu estou moi satisfeito”, afirmou, antes de subliñar que o goberno local chega a esta recta final con traballo feito, pero tamén con asuntos relevantes aínda por resolver. “Fixemos moitas cousas, quedan moitas por facer”, resumiu, nunha intervención na que transmitiu unha idea de control da situación e confianza na folla de ruta do executivo municipal. “Estou tranquilo, sorprendentemente tranquilo”, engadiu.

Doval situou entre as principais prioridades o impulso de infraestruturas largamente demandadas pola veciñanza. Un dos exemplos máis destacados é o futuro local social da parroquia de Oroso, a única que, segundo lembrou, non conta a día de hoxe cun espazo destas características pese a ser, despois de Sigüeiro, a máis poboada do municipio. O alcalde presentou esta actuación como unha cuestión de xustiza e como resposta a unha reclamación histórica. “Eu creo que agora si que era de xustiza facer esta nova infraestrutura”, sinalou sobre unha obra cun prezo de licitación de preto de 350.000 euros e un prazo de execución de 12 meses. O inmoble situarase xunto ao campo de fútbol da Penela e ao campo da festa, nunha zona na que o Concello quere “pechar o círculo” dotacional da parroquia.

Outro dos grandes bloques da súa intervención centrouse na mellora urbana de Sigüeiro. Doval explicou que o Concello ten en marcha un investimento de arredor de 300.000 euros para actuar en máis de quince rúas, con traballos de aglomerado e pintado que buscan renovar de maneira notable a imaxe do núcleo urbano. “Imos dar un lavado da cara importante ás rúas de Sigüeiro”, afirmou. Na relación de espazos nos que se prevé actuar citou vías e prazas como O Portiño, a praza de Chinto, Alexandre Bóveda, Maruzo, Rosalía de Castro ou Pablo Iglesias, entre outras. O obxectivo, segundo detallou, é intervir tanto nas calzadas como na sinalización e nos aparcadoiros, nunha actuación de carácter moi amplo sobre as rúas principais.

No apartado das infraestruturas peonís, o rexedor puxo o foco en varias sendas que definiu como demandas históricas. Entre elas salientou a conexión entre o local social do Cachopal, a farmacia e o cruce da igrexa en dirección a Calvente, primeira fase dun trazado máis amplo co que se pretende chegar ata A Gándara e o límite municipal con Frades. A esta actuación sumaranse outros treitos en Vilarelle, Villarromarís e O Portiño. Doval insistiu en que o goberno local está a “saldar vellas débedas”, especialmente en parroquias onde estas peticións levan anos sobre a mesa. “Da senda, sobre todo en Calvente e Ángeles, xa se falaba hai moitos anos”, recordou.

Un dos momentos máis políticos da entrevista produciuse ao abordar a apertura da praza Isaac Díaz Pardo. O alcalde explicou que o espazo xa está aberto para peóns desde o Nadal e tamén para tráfico rodado, aínda que recoñeceu incidencias co movemento dalgunhas lousas de pedra. Segundo indicou, a obra aínda non foi recepcionada nin abonada, polo que a empresa asumirá sen custo para o Concello os traballos necesarios para corrixir o problema. “A empresa vai proceder, ademais sen ningún custo para o Concello, a formigonar” a zona de paso dos vehículos, anunciou. Ao mesmo tempo, aproveitou para defender o control técnico e político exercido sobre esta actuación e para responder ás críticas da oposición, á que acusou de manter discursos diferentes segundo o ámbito no que interveña. “Hai unha bicefalia ou tricefalia: unha cousa é o que din aquí, outra o que din nos plenos e outra o que din nas redes sociais”, afirmou.

A entrevista tamén serviu para repasar outros asuntos de interese supramunicipal, como o mal estado da N-550 ao seu paso por Oroso. Doval compartiu o diagnóstico de deterioración da vía e pediu actuacións máis ambiciosas por parte do Estado, máis alá dos arranxos puntuais realizados nos treitos en peor estado. “A Nacional 550 é a vía máis transitada do noso Concello, sen dúbida”, advertiu, ao tempo que reclamou unha reforma integral que mellore a seguridade nunha estrada básica para as conexións tanto con Santiago como coa Coruña. Na mesma liña, volveu reclamar avances na reforma da avenida da Grabanxa, un proxecto que, segundo denunciou, segue bloqueado tras sucesivas peticións de modificación por parte da Deputación.

No eido social, o alcalde reivindicou o peso crecente dos servizos de conciliación e da atención ás persoas. Confirmou a apertura do prazo de inscrición para dous campamentos de Semana Santa, un municipal e outro inclusivo, promovido pola Asociación Afecto en colaboración co Concello. Doval quixo poñer en valor este segundo proxecto pola súa atención específica a menores con distintas discapacidades e con TEA, e destacou o labor da entidade. “Estamos moi contentos e intentaremos apoialos en todo o que sexa posible”, asegurou. Asemade, situou o Servizo de Axuda no Fogar como a gran política social dun concello, cun volume que en Oroso supera as 32.000 horas. Sobre este punto, agradeceu á Xunta o incremento no financiamento, aínda que reclamou tamén unha maior implicación do Estado. “Nunca é suficiente, pero hai que agradecelo”, afirmou.

En clave comunitaria e de dinamización social, Doval avanzou tamén a celebración da comida das persoas maiores o 25 de abril, un encontro xa clásico no calendario local e que o ano pasado reuniu máis de 700 asistentes. “Os maiores merecen todo o máis”, dixo. Da mesma maneira, reivindicou a boa acollida da reapertura da Casa da Xuventude, que, segundo relatou, está a rexistrar unha elevada participación. O alcalde admitiu que a mocidade non demanda tanto actividades dirixidas como espazos nos que poder estar, socializar e facer vida propia. “Eles demandaban ese espazo”, explicou, satisfeito ademais polo coidado que, asegura, están a ter das instalacións.

No ámbito festivo e cultural, anunciou unha nova edición da Festa da Xuventude o 2 de abril, na Alameda de Gois, coas actuacións de París de Noia e dunha discoteca móbil, como antesala da Festa da Troita, o segundo domingo de maio, que definiu como “a festa máis importante do Concello”. Tamén apuntou á vontade de recuperar a Semana Santa con procesións en Sigüeiro, despois do parón derivado da pandemia e dos cambios nas parroquias. “A ver se somos capaces de recuperalo”, indicou.

Xa no tramo final da entrevista, Doval elevou a mirada cara aos proxectos de medio e longo prazo que, ao seu xuízo, deben quedar encamiñados antes de rematar o mandato. Citou expresamente a remodelación da avenida da Grabanxa, a ampliación do pavillón municipal e, de maneira moi especial, a necesidade de dar resposta ao problema da vivenda. O alcalde advertiu de que o planeamento actual, vixente desde 2005, deixou a Oroso sen solo axeitado para impulsar vivenda pública de certo alcance, polo que confirmou contactos co Instituto Galego da Vivenda e Solo e con outros axentes para abrir esa vía. “Temos que intentar darlle resposta ao tema da vivenda”, salientou. Ao seu xuízo, Sigüeiro e o conxunto do municipio están a medrar “con cabeza”, pero cómpre adaptar o urbanismo á realidade actual.

Finalmente, o rexedor despexou calquera dúbida sobre as súas intencións políticas e confirmou con claridade a súa vontade de optar á reelección. “Eu si que quero ser candidato”, manifestou, aínda que vinculou esa posibilidade ao respaldo interno do seu grupo e, sobre todo, á confianza da veciñanza. Máis alá da cita electoral, insistiu en que hai asuntos estratéxicos que non poden saír da folla de ruta do Concello. “Pase o que pase, iso non pode saír da folla de ruta”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *