AD

Actualidad

Ecuador da campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ poñendo en valor ás familias de acollida

today4 junio, 2024

Background
share close
AD

Este martes, Álvaro Veiga entrevistou en Radio Líder Santiago ás protagonistas do mes de xuño da campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’. As convidadas foron Cristina Gerpe, responsable de La Tienda de María, situada na Rúa San Pedro de Mezonzo, 24 en Santiago, xunto a Nayma Fernández e Alejandra González, traballadoras da Asociación Galega de Familias de Acollida (ACOUGO).

Coincidindo co Día Mundial do Acollemento Familiar o pasado 31 de maio, ACOUGO organizou unha serie de actividades para promover o acollemento familiar na comunidade galega. A xornada comezou o pasado 1 de xuño coa inauguración dun punto informativo en  La Tienda de María, onde se puideron atopar folletos informativos e mercar produtos solidarios en apoio á asociación.

Pola esquerda, Cristina Gerpe, Nayma Fernández e Alejandra González nos estudios de Radio Líder Santiago

Cristina Gerpe leva á fronte de La Tienda de María desde 2017, cando decidiu coller o traspaso da tenda, da que xa era clienta, para poder conciliar traballo e familia. Co paso do tempo, conseguiu converter o seu local nun espazo de comercio e de solidariedade. E por iso que decidiu participar nesta campaña solidaria e elexir unha asociación que traballase polos intereses dos nenos e nenas, como é ACOUGO. La Tienda de María ofrece unha selección especializada de roupa infantil, produtos de puericultura e xoguetes, cumprindo coa misión de ofrecer o mellor tanto aos seus clientes como ás súas familias.

Nayma Fernández e Alejandra González, de ACOUGO, detallaron a importante labor que desempeñan en todo o ámbito galego, ao tempo que agradeceron a Cristina por elixir a súa asociación dentro desta iniciativa.

Durante a entrevista destacaron o importante papel da asociación, ao mesmo tempo que ofrecía datos reais sobre o número de nenos e nenas que permanecen en centros de acollida en Galicia. Nayma e Alejandra afirman que é fundamental desestigmatizar o sistema de protección da infancia, subliñando que estes nenos «non son conflictivos», se ben precisan dun tempo de adaptación a súa nova vida de acollida. A asociación conta hoxe en día con 90 familias acolledoras e defende a normalización da vida en acollemento, enfatizando que ter dúas familias ou vivir nun centro durante un tempo non debería ser motivo de discriminación.

As accións de ACOUGO van máis alá do acollemento familiar. O seu compromiso abrangue desde programas de apoio emocional ata iniciativas educativas e de acompañamento ás familias acolledoras.

Para máis información sobre o acollemento familiar e participación nos programas de ACOUGO, as persoas interesadas poden visitar o punto informativo en La Tienda de María, e participar nas actividades que se levarán a cabo durante todo este mes, e que poden coñecer mas redes sociais de ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’.

’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ chega ao seu ecuador

Momento da entrevista conducida polo director da emisora Álvaro Veiga

Este programa comezou o pasado mes de xaneiro coa tenda online de artesanía e antigüidades Águila Atlántica, www.1aguilaatlantica.com, que deu a coñecer o traballo da Fundación Pictoaplicaciones, un proxecto solidario do Grupo Promedia orientado a persoas con Trastorno do Espectro Autista ou con outro tipo de trastornos na comunicación e linguaxe oral.

En febreiro foi a quenda da xoiería José Antonio, que colaborou con Solidaridade Internacional de Galicia; en marzo, Naf Naf Santiago difundiu a actividade do programa Vagalume de axuda ás mulleres en situación de prostitución; en abril, o Centro Deportivo Atmósfera puxo en valor o traballo da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple. En maio, Papelería Xaquín colaborou con AGADEA, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer; en xuño, é a quenda da colaboración entre ‘La Tienda de María’ e a Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO; en xullo, o Mercado Galego da Creatividade difundirá o traballo de Avante, a Asociación de Persoas con Discapacidade de Val do Dubra; e en agosto, a tenda de cosmética natural Maravalla dará a coñecer o traballo do Refuxio de Bando.

Xa en setembro, o programa «12 Comercios, 12 Sensibilidades» chegará a Cousas do Campo, que colaborará con Daqui Darredore, unha entidade cooperativa de Brión; outubro será o mes da xoguetería Escondi-T, en favor da Obra Social de Pediatría; en novembro, María Brey Deseño e Interiorismo traballará a prol da Cociña Económica; e o programa pecharase en decembro coa tenda Quenlla SCQ, en favor de Las Olvidadas, un proxecto para achegar a literatura a mulleres presas en diferentes cárceres.

Os comercios participantes informan das actividades de cada unha das entidades solidarias a través de diferentes iniciativas como charlas, distribución de material ou exposicións. Tamén hai recadación de fondos para as asociacións mediante a venda de produtos vinculados a elas. Como atractivo engadido, existen diferentes vantaxes para a clientela dos establecementos, como descontos, agasallos ou sorteos.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%