AD

Actualidad

Eloy Fernández abrirá o Museo da Maxia de Galicia o 20 de novembro en Santiago

today14 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O novo espazo, situado na Praza de San Miguel dos Agros, colle as rendas do museo impulsado por Kiko Pastur e aspira a converterse nun centro de referencia para o ilusionismo galego

A maxia terá un novo fogar en Compostela a partir do 20 de novembro coa apertura do Museo da Maxia de Galicia. Ao fronte desta etapa está o picheleiro Eloy Fernández, mago e xestor cultural, quen recolle o legado de Kiko Pastur. “El foi o meu mentor durante moitos anos”, lembrou en Radio Líder Santiago. “Este proxecto parte dunha continuidade co Museo da Maxia de Kiko Pastur. Manterá un pouco a esencia, pero tamén poñendo o foco na maxia galega, nos magos da nosa comunidade, e intentando renovar pouquiño a pouco a actividade e o espazo expositivo”.

Para Eloy, asumir este proxecto na súa cidade natal ten un valor moi especial. “Santiago é unha cidade máxica, xa de por si”, confesaba, evocando esa atmosfera das noites compostelás, coa luz laranxa das farolas reflectida no chan mollado, algo que “conecta moito con toda esta tradición máxica que temos en Galicia, as meigas, a Santa Compaña e todas estas cousas”. Agora dálle continuidade ao espazo na Praza de San Miguel dos Agros, onde naceu o museo creado por Pastur.

Na entrevista, Fernández puxo en contexto o momento que vive o sector. “España é a principal potencia mundial”, asegurou. “A maxia goza de moi boa saúde en Galicia”, engadiu, lembrando que aquí temos “algúns dos mellores magos do mundo”, citando nomes históricos como Conde Waldemar ou Camilo Vázquez, e novas xeracións como Xulio Merino ou Sara Rodríguez.

O Museo da Maxia de Galicia quere contribuír a poñer en valor ese patrimonio a través dun percorrido cheo de historias, obxectos e ilusións. Entre as pezas máis chamativas estará o gran acuario do Mago Antón, unha lenda viva da maxia galega, arredor do cal se tece unha historia de accidentes e coincidencias que lle dan un aire case de maldición. Ademais dos elementos históricos, haberá ilusións interactivas, puzles, xogos ópticos e maxia que o público poderá experimentar nas súas propias mans.

Todo isto artéllase arredor de visitas guiadas nas que o propio Eloy e outros magos irán contando curiosidades e pequenas historias da maxia galega e mundial, combinadas con maxia de preto realizada a poucos centímetros do espectador. O museo acollerá tamén unha escola de maxia para todas as idades e funcionará como sede da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, que organizará xornadas, conferencias e encontros entre profesionais e afeccionados.

Preguntado polo que lle parece máis difícil á hora de practicar maxia, Eloy foi claro: “O fundamento real da maxia é a psicoloxía. É o control da atención, pero dun xeito moito máis sutil do que soe pensar a xente”. E detallou: “Non é mirar aquí e aquí e deste outro lado fago a trampa, senón que é máis ter a sensación de que non te perdes nada en ningún momento. É xogar cos planos de atención e de información. Toda a parte psicolóxica é fundamental para a maxia, porque xogamos coa percepción”.

A entrevista en Radio Líder Santiago deixou tamén un momento moi especial: Eloy realizou en directo un truco de cartas participativo, no que convidou tanto á presentadora como aos oíntes a seguilo desde as súas casas con barallas de dous cores. O resultado sorprendente pode verse íntegro no vídeo da entrevista.

O museo abrirá os xoves e os venres pola tarde, e os sábados e domingos mañá e tarde, con pases cada hora e media. A información da programación e das reservas estará dispoñible na web oficial do proxecto.

De cara ao futuro, Eloy amosa un desexo claro: que este museo impulse o crecemento da maxia en Compostela e en toda Galicia. Aspira a que xurdan máis actuacións, espectáculos e iniciativas que conecten o ilusionismo co resto das artes. “A maior ledicia para min sería que isto non se quedase só no espazo do museo, senón que o museo saia do propio museo: que haxa máis bibliotecas de maxia, máis residencias artísticas, máis lugares onde a xente poida aprender, crear e desfrutar da maxia”. Porque, como lembra, “a maxia conecta con esa emoción de enfrontarnos ao imposible”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *