Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón.8-3-2024.- A homenaxe as Rumorosas 2024 María Calvo, Silvia Carnero, Lydia Angueira, Loli Quintáns, Sabela Ramos, Begoña Suárez, Ana Fernández e o grupo de palistas formado por Ainara Rodríguez, Sabela Duro, María Villaverde, Uxía Álvarez e Candela Romero centrou os actos de conmemoración do 8M, Día da Muller, no Concello de Padrón.
Estas mulleres foron elixidas pola súa destacada traxectoria e actuación na defensa da igualdade e protagonizan a exposición de rúa que permanecerá nas rúas da vila entre a praza da Igualdade e o casco histórico dando a coñecer o seu labor. Por mor das condicións meteorolóxicas, suspendeuse a inauguración desta mostra prevista para as 17.00 horas.
Os actos do 8M celebráronse no auditorio municipal, onde as 18.00 horas representouse a obra de teatro Invisibles protagonizada por Mela Casal, Neves Rodríguez e Sheyla Casal. O desgarrador testemuño sobre historias reais de maltrato atrapou ao público dende o primeiro momento.
Ao seu remate, e co aforo completo, as Rumorosas 2024 recibiron tamén o aplauso público da veciñanza e o galardón de mans do alcalde Anxo Arca e da concelleira de Igualdade e muller Mariló Saco.
A continuación levouse a cabo o acto institucional coa lectura do manifesto por parte da concelleira de Igualdade e muller. Na súa intervención, a edil subliñou “o firme compromiso do Concello de Padrón co feminismo, coa promoción e protección dos dereitos das mulleres e das nenas, e coa igualdade real e efectiva”. Mariló Sacó insistiu na idea de que o feminismo “non é o contrario ao machismo, senón que é igualdade” e tamén que “non é unha cousa soa de mulleres”. “Ser feminista atínxenos ás mulleres a aos homes que queremos construír unha sociedade igualitaria e sen discriminacións”, recalcou.
“Por todas as devanceiras que iniciaron o camiño. As loitadoras, as oprimidas, as invisibles, as excluídas… por elas celebramos, festexamos ou nos rebelamos neste 8 de marzo. Vivan as mulleres!”, concluíu o manifesto a concelleira de Padrón.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)