Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 noviembre, 2025
Padrón27-11-2025.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, recibiron esta mañá na alcaldía a representantes das once empresas que este ano aportan máis de 21.000 euros para financiar o alumeado de Nadal. Unha colaboración que permitirán ampliar a iluminación, encher de luz o municipio e dinamizar o comercio e a hostalería local.
As empresas que participan nesta iniciativa son Cortizo, Hotel Scala, Finsa, Grúas Estación, Elatisnor, Mármoles Orosa, Élite, Codega, Jardimaq, Tecven e Construcciones Sobrerrivas. Con esta aportación, o Concello poderá ampliar os espazos decorados tanto no casco urbano como na zona rural, con novos conxuntos e unha mellor iluminación en todo o municipio.
“Unha vez máis vemos como a colaboración público privada beneficia a toda a cidadanía e permite reforzar en Padrón as iniciativas que dende o Concello lle propoñemos ás empresas da contorna”, asegura Anxo Arca. O alcalde resalta que os empresarios e empresarias “están sempre dispostos a botar unha man”, unha actitude que facilitará, “un ano máis, que Padrón volva ser un punto de referencia do Nadal en Galicia”.
Chus Campos, pola súa banda, destaca a implicación de empresas que son referente no municipio para potenciar o Nadal en Padrón. “Debemos resaltar que estas firmas poñen recursos para axudar ao pequeno comercio e á hostalaría do noso pobo”, asegura a concelleira de Turismo, facendo referencia a que unha maior e mellor iluminación vai ser beneficiosa para o comercio local.
Alcalde e concelleira, xunto cos integrantes do goberno municipal, recibiron este xoves a representantes das empresas na casa consistorial. Tras facerse unha foto de familia no salón de Plenos, desprazáronse ata a rotonda da N-550 preto do hotel Scala, dende a que se recibe a todos os visitantes cun Bo Nadal Padrón.
Acendido das luces, domingo a partir das 18.00 horas
O acendido das luces de Nadal en Padrón celebrarase o domingo, 30 de setembro, a partir das 18.00 horas. As previsións de choiva para o sábado levaron ao Concello de Padrón adiar para o domingo tanto o acendido das luces como a actuación de Mekanika Rolling Band, que animará as rúas do casco histórico.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)