AD

Comarca

«En Boiro temos a calidade de vida dun pobo con servizos dunha cidade»

today11 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

Álvaro Veiga entrevistou esta semana en Radio Líder Santiago ao alcalde de Boiro, José Ramón Romero, quen repasou os principais proxectos en marcha no municipio, destacando o crecemento do emprego, a creación de vivenda, a transformación cultural e a cooperación intermunicipal.

O rexedor anunciou que neste mesmo ano está previsto aprobar o proxecto de urbanización que permitirá construír 904 vivendas en primeira liña de praia. “Todo vai ligado: para o emprego necesitamos vivenda, e imos tela”, asegurou Romero.

Romero celebrou que Boiro se sitúe no top 10 de municipios de máis de 10.000 habitantes en crecemento do emprego en España, segundo os últimos datos. “É unha boa noticia que reflicte o bo facer que estamos a facer en Boiro”, dixo. Parte do éxito atribúese ao viveiro e centro de formación do polígono industrial, con entre 300 e 400 alumnos anuais e unha taxa de inserción do 74%.

Os días 13 e 14 de maio celebrarase a segunda edición da Feira do Emprego de Boiro, con espazos para empresas e demandantes. “Este ano imos falar da intelixencia artificial e como xa está a ser utilizada polas empresas”, destacou. Haberá stands, talleres e entrevistas laborais en directo, como na edición de 2023, que tivo “moito éxito”.

Subida salarial histórica e nova RPT

Tras 20 anos sen actualizar, o Concello de Boiro aprobou inicialmente unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e unha subida salarial de máis dun millón de euros para o persoal municipal. “Foi unha promesa que fixemos cos empregados públicos e estamos a cumprir”, indicou. A subida terá efectos retroactivos dende xaneiro, e confía en que non haxa alegacións para poder aprobala definitivamente nas próximas semanas.

Tamén se está a traballar na mellora da cobertura de fibra óptica, especialmente nos núcleos máis pequenos. “Estivemos analizando núcleo por núcleo coa subdelegada do Goberno para poñer solución ás eivas de rede”, afirmou.

Residencias públicas para Boiro e Rianxo

Romero revelou a alianza con Julián Bustelo, alcalde de Rianxo, para solicitar á Xunta dúas residencias dentro do novo modelo anunciado por Alfonso Rueda. “Xa enviamos unha carta ao presidente para poñer terreos a disposición da Xunta e reclamar unha residencia de 120 prazas e outra satélite de 30”, explicou.

Nova Casa da Cultura: moderna e ambiciosa

Outra das grandes obras previstas é a remodelación integral da Casa da Cultura de Boiro, que pasará de 289 a 535 prazas. “Boiro en 2025 non é o mesmo que en 1988; hai que pensar no futuro e deixar de facer reformas cada 5 ou 10 anos”, argumentou. O investimento será de preto de 4 millóns de euros, cunha duración estimada de 9 a 12 meses.

O alcalde tamén destacou o crecente número de visitantes que elixen Boiro como segunda residencia permanente, sobre todo xente maior de Madrid, País Vasco ou Castela e León. “En Boiro temos a calidade de vida dun pobo con servizos dunha cidade”, comentou.

Boiro mantén actividade cultural e deportiva os 12 meses do ano, con clubs de elite e moita mocidade practicando deportes variados: taekwondo, ciclismo, voleibol, piragüismo ou remo. “Cada día estou máis orgulloso de ser alcalde de Boiro”, concluíu Romero.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *