Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 marzo, 2024
A alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, conversou este luns con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago sobre diversos temas da actualidade local.
En canto á Semana Santa, Sanmartín destacou unha previsión optimista de visitantes, cunha ocupación que alcanza o 80 %, onde o tempo xoga un factor importante e que pode producir algunhas cancelacións de última hora.
Sobre a alta demanda de turistas que ten Compostela ao longo de todo o ano, lamentou a dilación da resposta da Xunta para implantar a taxa turística na cidade, que implicaría que os visitantes que pernocten en Santiago paguen entre 0,50 e 2,50 euros ao día, dependendo da categoría do establecemento, unha medida que, lembra, «xa existe en moitas cidades».
Sanmartín tamén quixo responder ás críticas por non participar en actos relixiosos, a alcaldesa subliñou que o goberno municipal ten unha actitude de separación entre o ámbito civil e o relixioso, algo que «entende a propia igrexa», a cal «ten un peso importante na nosa cidade e coa que estamos a colaborar».
En canto a novas infraestruturas e servizos na capital galega, mencionou a licitación do novo servizo de autobuses urbanos, que inclúe a incorporación de novos autocares, a implantación dun bus nocturno de mércores a sábado, menos liñas pero con máis frecuencias e unha mellor conexión con todas as parroquias. «Estamos no punto de partido, agora queda un proceso complexo e que definirá este novo servizo de transporte urbano cunha duración de 13 anos», apuntou.
Respecto ao recente peche da Sala Malatesta, a rexedora explicou que se viron obrigados a tomar esta medida despois de recibir informes desfavorables sobre o ruído. Confía en que se poidan solucionar estas deficiencias e poida retomar a súa actividade. A alcaldesa aproveitou para poñer en valor o sector da hostalería en Compostela a que califica de «profesional e responsable», cun ocio nocturno vencellado á cidade e onde se continúa a traballar para buscar o dereito á festa duns e o dereito ao descanso doutros.
No que atinxe as obras e remodelacións na cidade por parte do concello, anunciou a rehabilitación inminente de once rúas de Santiago por un investimento de 1,3 millóns de euros, así como outras actuacións no rural que se irán licitando, unha vez se aprobou o orzamento para 2024 cunha cifra histórica, 142 millóns de euros.
Na recta final da entrevista, mostrouse optimista respecto á proposta remitida á Xunta para a construción dun aparcadoiro no CHUS, esperando que saia adiante e axeite a mobilidade na zona. Ademais, defendeu a posta en marcha da ORA na contorna do complexo, a pesar das críticas da oposición (PP e PSOE), argumentando que funciona correctamente.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
actualidade alcaldesa compostela Entrevista politica radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)