AD

Comarca

Estrease o equipo de fútbol Calo Genuine con mocidade do Club de diversidade de Ames e Arcea-Adames

today3 febrero, 2025

Fondo
share close
AD
  • Este domingo tivo lugar a estrea do Calo Genuine, o novo equipo da S.R. Calo que nace da colaboración entre a entidade deportiva xunto cos Concellos de Ames e Teo
  • Este proxecto supón un gran paso cara a integración das persoas con diversidade nun ámbito tan importante como é o do fútbol
  • A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou a boa acollida que tivo o proxecto entre as familias “xa que son mozos e mozas que noutros momentos non foron acollidos noutros clubs ou zonas de ocio, e con este proxecto atopan unha posibilidade de que os seus fillos fagan deporte en equipo”

Ames, 3 de febreiro de 2025.- Este domingo tivo lugar a estrea do Calo Genuine, o novo equipo da S.R. de Calo de persoas con diversidade funcional no que participan algúns dos mozos e mozas do Club de mocidade con diversidade de Ames e de Arcea-Adames. Este proxecto nace da colaboración da S.R. Calo cos Concello de Ames e Teo no seu compromiso pola integración das persoas con diversidade.

Este domingo estreouse no campo de fútbol de Rebordelo o Calo Genuine, o novo equipo da S.R. de Calo no que participan mozos e mozas do Club de mocidade con diversidade de Ames e tamén da entidade Arcea-Adames. Este proxecto conxunto entre a S.R. de Calo e os Concello de Ames e Teo, busca ofrecer unha oportunidade de xogar ao fútbol ás persoas con diversidade funcional na procura da integración social e igualdade de oportunidades.

Ao partido de presentación no campo de fútbol de Rebordelo, co R.C. Deportivo como rival, asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e a concelleira de Benestar Social, Uxía García.

Sobre o proxecto

Esta iniciativa nace dunha proposta do coordinador da S.R. Calo, Manuel Buján, ao Concello de Ames, para saber se habería persoas interesadas no club de mocidade con diversidade de Ames en formar parte deste novo equipo. “Desde un primeiro momento, esta proposta tivo moi boa acollida entre os integrantes do colectivo”, así o explicou a concelleira de Benestar Social, Uxía García. “A nova tivo moi boa acollida entre as familias, xa que son mozos e mozas que noutros momentos non foron acollidos noutros clubs ou zonas de ocio, e con este proxecto atopan unha posibilidade de que os seus fillos fagan deporte en equipo”.

Despois dese primeiro contacto entre o Calo e o Concello, varios integrantes do club da diversidade e de Arcea-Adames realizaron un adestramento de proba e, finalmente, uníronse ao club. Ademais das persoas dos colectivos de Ames, o equipo está composto por integrantes da Asociación ASPAS e Down Compostela. Deste xeito, nace un proxecto conxunto no que o obxectivo é ofrecer unha oportunidade a estes mozos e mozas de poder xogar ao fútbol.

A creación do Calo Genuine supón un gran paso para a inclusión social nun ámbito e espazo tan importante como é o do fútbol, supoñendo un paso máis pola igualdade de oportunidades e benestar social das persoas con diversidade funcional. Ademais, o Calo Genuine contará co patrocinio de dúas empresas amesás, Construcciones Iglesias Mera e Mirabelle Comunicación, que aparecerán no equipamento dos partidos que dispute o conxunto.

A Nosa Champions Fútbol

O equipo participará na liga A Nosa Champions Fútbol, onde se medirán contra os equipos genuine do R.C Deportivo, R.C. Celta, Racing Club Vilalbés, Alondras Club de Fútbol e Racing Club de Ferrol.

A Nosa Champions Fútbol é unha competición de fútbol 7 da Real Federación Galega de Fútbol, na que os equipos participantes se mediran en formato de sede por concentración, é dicir, o número de partidos da liga dependerá do número de concentracións solicitadas. Os partidos xogaranse en dous tempos de 20 minutos de cada un e haberá un descanso establecido de 5 minutos.

Cada concentración contará co seu propio equipo campión, ao que se lle concederá un trofeo acreditativo. Así mesmo, todos os participantes recibirán un obsequio pola súa participación.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *