AD

Comarca

Éxito de participación no Día da Bicicleta en Padrón, con 181 inscritos

today31 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

• José Ramón Vigo, de 83 anos, homenaxeado como ciclista máis veterano nunha marcha multitudinaria
• Esta cita consolídase como un dos eventos familiares máis participativos do ano na vila

Padrón. 31-5-2025.- Padrón viviu esta mañá unha auténtica festa da bicicleta e da mobilidade sostible con motivo da celebración dunha nova edición do Día da Bicicleta, que reuniu a 181 persoas inscritas de todas as idades nunha xornada marcada polo bo tempo, o espírito deportivo e o excelente ambiente familiar.

Desde primeiras horas da mañá, o paseo do Espolón converteuse no punto neurálxico da cita. A actividade arrancou ás 10:00 h cunha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo, referente do ciclismo en Galicia. A continuación, os máis pequenos e pequenas foron os protagonistas da mañá cunha xincana infantil, que lles permitiu iniciarse no manexo da bicicleta dun xeito seguro e divertido antes da saída oficial.

Ás 11:30 h deu comezo a marcha ciclista de 15 quilómetros, non competitiva e dirixida a maiores de 6 anos, cun percorrido pensado para gozar do deporte e da contorna ao seu paso por Padrón, Estramundi, Iria, Paseo da Constitución (onde estaba o punto de avituallamento) e as brañas de Lestrove.

Ao longo da mañá reinou o compañeirismo, a alegría e a camaradería, nun evento no que tamén participaron o alcalde Anxo Arca, o concelleiro de Deportes Luis Mariño, e as concelleiras Chus Campos e Laura Horta. Cómpre destacar que tanto Chus Campos como Luis Mariño completaron a marcha xunto ao grupo en bicicleta.

Un dos momentos máis emotivos chegou coa entrega dun agasallo ao participante máis veterano deste ano: José Ramón Vigo Ferradás, de 83 anos. Tamén participou, como é habitual, Mario Alfonsín, de 82 anos, que fixo o percorrido acompañado do seu fillo e os seus netos, deixando unha imaxe para o recordo.

A emoción e as risas foron protagonistas na entrega dos numerosos agasallos achegados polos patrocinadores, entre os que se atopan Oliveira Bike, Casa Grobas, Deportes Estornela, CC Padronés Cortizo, A de Mario, Apiario Mazara-Rial e Onnyx Eyewear, ademais da Deputación da Coruña.

O Concello de Padrón agradece especialmente o traballo da agrupación de Protección Civil, así como de todo o persoal voluntario, colaboradores e patrocinadores que fixeron posible unha cita segura e ben organizada.
Esta actividade continua a afianzar o compromiso do goberno de Padrón cunha mobilidade máis sostible e unha vida activa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *