AD

Comarca

Fabiola García anuncia melloras na escola infantil de Boqueixón por 50.000 €

today8 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • As obras incluirán a reforma da cociña, a adquisición de novo equipamento educativo, a dotación dunha cuberta con toldo para o acceso principal e a renovación do pavimento da área de xogos

Boqueixón, 8 de xaneiro de 2026.- A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaron esta mañá a escola infantil Raíña Lupa de Lestedo para anunciar un investimento da Xunta de preto de 50.000 euros que permitirá mellorar os servizos e a atención que se ofrece neste centro municipal.

Ovidio Rodeiro agradeceulle á conselleira e ao xerente do Consorcio a súa visita para anunciar “un investimento moi demandado nesta escola infantil que nos permitirá realizar 3 actuacións: adaptar a parte exterior do parque infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos, realizar melloras no interior do inmoble como a adaptación da cociña ou a adquisición de novo equipamento educativo para as aulas, e mellorar os accesos, colocando unha cuberta no acceso principal para dar unha solución ás familias sobre todo en días como o de hoxe, que chove”. Así mesmo, destacou que o investimento é financiado ao 100% pola Consellería de Política Social e Igualdade.

A ampliación do parque infantil de Lestedo, inaugurado en marzo de 2024, permitiu duplicar a zona de xogos dispoñible anteriormente con novos xogos, sobre todo para nenos e nenas de máis de 3 anos de idade. Un espazo onde destacan unha gran tirolina e un columpio múltiple, con cinco asentos adaptados a distintas idades (dous asentos planos en caucho para crianzas a partir dos 3 anos; dous asentos berce para crianzas menores de 3 anos; e un asento cesto para grupos). Así mesmo, conta cunha torre tobogán composta por tres torres con pasarela, rede e dous tobogáns dirixidos a nenos e nenas de entre os 4 e os 14 anos.

Fabiola García enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas pioneiras como a gratuidade desta etapa educativa. Ao respecto, lembrou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil con case un 65%, situándose 15 puntos por riba da media nacional.

Melloras en escolas das redes autonómica e local

As melloras que se levarán a cabo neste centro forman parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1M€.

Con estes fondos, procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT), acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento en 14 concellos  de toda Galicia. Serán os municipios os encargados de contratar e executar os traballos, que deberán estar rematados en decembro deste ano.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *