Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 junio, 2025
O Secretario Xeral da Lingua, Valentín García confirma a continuidade do proxecto no curso 2025-2026 tras o éxito da súa primeira edición
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025 – A Cidade da Cultura acolleu este martes a gala de clausura da primeira edición do programa radiofónico Fala que Fala, unha iniciativa organizada por Radio Líder coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia que reuniu a máis de 300 estudantes de seis centros educativos para celebrar o galego como lingua de comunicación, identidade e lecer.
Ao longo da mañá, o público asistente —formado por alumnado, profesorado, familias, representantes institucionais e patrocinadores— gozou dun programa cheo de contidos audiovisuais, entrevistas, música en directo, maxia e reflexións arredor da lingua. A gala estivo presentada polos comunicadores Álvaro Veiga e Sara Garea, que deron paso ás distintas intervencións coa enerxía propia dunha celebración colectiva do talento xuvenil. Unha velada que estivo patrocinada por Finsa, A1 Seguridade, Cotelga, Forvigal, Ferrecal, Raxoi, Eme Audiovisuais, Vegalsa-Eroski e o Centro Comercial As Cancelas, empresas todas elas de gran concienciación coa lingua galega.
Un dos momentos centrais foi a intervención de Valentín García, secretario xeral da Lingua, quen salientou “o entusiasmo da mocidade por facer e demostrar que o galego é unha lingua viva, útil e divertida”. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou, ademais, a continuidade do proxecto: “Xa estamos a traballar na organización da segunda edición para o curso 2025-2026, porque cremos firmemente no potencial do galego nos espazos creativos da mocidade”.
Durante a gala proxectáronse vídeos-resumo dos programas realizados nos centros participantes —IES de Oroso, IES de Ordes, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, Liceo La Paz da Coruña e CPR Vila do Arenteiro de O Carballiño— e o alumnado subiu ao escenario para compartir a súa experiencia como locutores e creadoras de contido radiofónico en galego.
A parte artística da mañá estivo protagonizada por dous nomes con gran tirón entre a mocidade. Un deles foi Daniel Morán, coñecido gaiteiro en redes sociais, natural de Ponferrada, en O Bierzo, quen na súa presentación se definiu como “veciño da quinta provincia galega”, arrincando aplausos e simpatía do público. Estudante de Medicina na USC, sorprendeu coa súa entrada interpretando varios temas mentres descendía polas escaleiras principais da Cidade da Cultura. O seu carisma, combinado co dominio musical, converteuno nun dos momentos máis aclamados do evento. Morán, que combina a súa traxectoria musical coa divulgación da cultura galega en plataformas dixitais, puxo en valor “o orgullo de falar e facer música en galego” diante dunha audiencia completamente entregada.
Pola súa banda, o recoñecido mago coruñés Kiko Pastur, director do Museo da Maxia da Cidade Vella, engaiolou á rapazada cun espectáculo participativo no que combinou humor, ilusións e mensaxes en positivo sobre a lingua. A súa actuación, cargada de simbolismo, xogos visuais e complicidade co público, puxo o broche perfecto a unha gala que demostrou que o galego tamén é lingua para rir, sorprenderse e soñar.
A xornada rematou coa entrega de diplomas ao alumnado participante, intervencións dos docentes responsables dos centros e unha gran foto de familia, antes da despedida cun agasallo patrocinado por Vegalsa-Eroski.
O apoio da Xunta de Galicia, a implicación do profesorado e a aposta da organización por un formato atractivo consolidan Fala que Fala como unha ferramenta eficaz para normalizar o galego entre a mocidade nos seus espazos naturais de expresión.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)