Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• Grande ambiente no Campo da Barca con animais e tratantes procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León e do país luso
• Nos concursos morfolóxicos participaron 72 exemplares de 13 ganderías galegas
• Na proba puntuable para a Copa Galicia competiron 14 cabalos e eguas de pura raza galega
• Nenas e nenos, un de tan só tres anos, presentaron os ponis, alentando o relevo xeracional e o futuro da feira
• O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira Chus Campos participaron na entrega de trofeos
• Concorridos pasarrúas dos Xigantes e Cabezudos co grupo Arreixeira, da Banda de Padrón e da Mekanika Rolling Band
Padron. 5-04-2026.- Ganderías de toda Galicia, Castela e León, Asturias e Portugal xunto a numeroso público, aproveitaron este solleiro domingo de Pascua para asistir a unha Feira Cabalar que marcou récord de participación. As rúas de Padrón estiveron ateigadas toda a mañá, especialmente durante os pasarrúas da Banda Municipal de Música, dos Xigantes e Cabezudos acompañados polo grupo Arreixeira, e da Mekanika Rolling Band, que puxo a bailar a moitos festeiros.

Dende primeiras horas o Campo da Barca acolleu a numerosos afeccionados ao mundo do cabalo, que non quixeron perderse nin a centenaria Feira Cabalar nin os concursos morfolóxicos, nos que se repartiron 3.000 euros en premios. A xornada rematou cun espectáculo de doma con cabalos de pura raza galega e pura raza española, moi aplaudido polas persoas asistentes.
Con máis de setenta exemplares inscritos, procedentes de 13 ganderías das catro provincias galegas, os concursos morfolóxicos da Feira Cabalar de Padrón confirmáronse unha vez máis como unha das citas máis relevantes do calendario galego.
Puntuable para a Copa Galicia, o certame de cabalos e eguas de pura raza galega rexistrou a maior participación, cun total de 14 equinos. Gali de Oza e Dana, ambos exemplares de Lino Freire e chegados dende Oza Cesuras, erixíronse como gañadores deste certame.

Os concursos, organizados pola Asociación pura raza cabalo galego, continuaron co certame de cabalos e eguas cruzados. Unhas das probas máis aplaudidas polo público foi a de ponis, presentados por nenos e nenas, un deles de só tres anos chegado de Moraña, alentando o relevo xeracional e o futuro da Feira Cabalar.
Este ano consolidouse o certame de percheróns, bretóns e hispano-bretóns, os cabalos e eguas que se caracterizan polo seu gran tamaño e que se dedicaban habitualmente ao traballo nas explotacións agrogandeiras.
As categorías de cabalos e eguas de pura raza árabe pecharon as citas competitivas. Repartiron os premios o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Festexos, Chus Campos.
O presidente da Asociación pura raza cabalo galego, Jacobo Pérez, valorou “moi positivamente a aposta do Concello de Padrón para potenciar a feira cabalar, un traballo extraordinario e ilusionante que garante unha continuidade en crecemento”. Pérez Paz lembrou que o Concello aportou os tres mil euros que se repartiron en premios nas diferentes categorías.
O broche de ouro desta Feira Cabalar foi unha exhibición de doma no que participaron primeiro cabalos da sección de doma de alta escola galega Dragóns de Santiago, pertencente á asociación organizadora. Pechou a exhibición o espectáculo El hechizo de la Rosa, a cargo da compañía La Magia del Caballo de León, subcampioa do mundo no Sicab 2025.
Grande ambiente o domingo de Pascua
Ademais da Feira Cabalar, Padrón recibiu este domingo de Pascua a milleiros de persoas durante toda a xornada. Xa pola mañá, as atraccións do Campo do Souto e o mercadillo dominical estaban ateigadas. Ao mediodía animouse aínda máis o ambiente co pasarrúas da Banda Municipal de Música, que ofreceu despois o seu tradicional concerto na praza de Macías.
Os Xigantes e Cabezudos, que hoxe percorreron as rúas acompañados polo grupo Arreixeira, sorprenderon aos visitantes, que se animaron a bailar durante o percorrido. Quen tamén sacou a xente a bailar foi a Mekanika Rolling Band co seu desenfadado espectáculo polas rúas do casco histórico
A festa continuou esta noite con algúns dos pratos fortes da Pascua. O mozo muradán 9Louro abarrotou a praza de Macías, e cedeulle a quenda á Orquestra Panorama, que encheu Fondo de Vila. A oferta musical deste domingo de Pascua rematou co espectáculo do DJ Matrek Show no paseo do Espolón.
Clasificacións dos concursos morfolóxicos da Feira Cabalar
As clasificacións dos concursos morfolóxicos da Feira Cabalar quedaron do seguinte xeito:
CABALOS DE PURA RAZA GALEGA
1º GALI DE OZA. Gandería Freire Abad. Oza, Cesuras
2º DOMINGO DE BOIMENTE. Cuadras O Celta. Viveiro
3º CHOCOLATE FR. David Blanco. Mos, Pontevedra
EGUAS DE PURA RAZA GALEGA
1º DANA. Gandería Freire Abad.
2º GALA. Gandería Freire Abad.
3º PITUFIÑA DO CELTA. Cuadras O Celta
CABALOS CRUZADOS
1º DUQUE. Marcos Cajaraville
2º VANIDOSO. Miguel Touceda
3º DUBÁI. Luis Freiría
EGUAS CRUZADAS
1º HD Cristal. Héctor Domínguez
2º PAMBA. Nicolás Arnoso
3º CHANEL. Nacho Bestilleiro
PERCHERÓNS
1º MA TU VU DE NIOST. Adrián Mata
2º AILTE. Alberto Fontán
3º CONQUISTADO. David Liñares
PONIS
1º SABELA. Noa López
2º DEVA. Sonia González
3º MODESTITO. Mateo Malvido
4º HANNSI. José Antonio Bouzas
5º FURIA. Ricardo Bouzas
EGUAS PURA RAZA ÁRABE
1º JA PINDIÑA. Belén Abal
2º SS DHABIA. Miguel Penedo
3º MAR ENMA. Belén Abal
CABALOS PURA RAZA ÁRABE
1º ABHA BASHIR. Miguel Penedo
2º MARCO POLO. Alejandro Garaloces
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)