AD

Comarca

Frades celebra a nova senda peonil entre Ponte Carreira e Aiazo tras 15 anos de espera

today26 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • As obras de mellora da seguridade viaria na DP-3802, do PK 14,445 ao 16,825, contan cun orzamento de máis de medio millón de euros

26 de marzo de 2026.- O alcalde en funcións de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, celebra a aprobación definitiva do proxecto da obra de construción da senda peonil entre Ponte Carreira e Aiazo por parte da Deputación da Coruña, “que semella que mañá venres verá por fin a luz despois de quince anos de espera”. Unha aprobación definitiva que terá lugar na sesión plenaria ordinaria que o Pleno da Deputación da Coruña celebrará mañá venres 27 de marzo.

Ferreiro Marzoa sinala que “dende o equipo de Goberno celebramos este novo paso adiante nunha obra que solicitamos formalmente no ano 2009 e que o presidente da Deputación se comprometeu a executar durante a súa visita institucional a Frades, realizada en xuño de 2021. Unha senda moi necesaria xa que se trata dun traxecto onde non hai cunetas transitables, polo que as persoas vense na obriga de camiñar pola calzada dunha das estradas de maior tránsito de vehículos no municipio”.

Patrimonio

De feito, a aprobación de mañá venres será a segunda á que se somete este proxecto, toda vez que foi aprobado polo Pleno Provincial do venres 29 de setembro de 2023. Isto dou pe tamén ao levantamento das actas previas á ocupación relativa á expropiación dos terreos precisos para acometer a obra, un procedemento ao que a Deputación achegou máis de 48.000 euros, cumprindo así o solicitado polo Concello de Frades. “Finalmente, a obra licitarase tal e como solicitou o Concello de Frades: nunha única anualidade e co pago de expropiacións aos propietarios dos terreos”, apunta Manuel Ferreiro, quen lembra que “dende o primeiro momento dixemos que esixirlles aos veciños a cesión gratuíta dos terreos era algo totalmente inxusto, sobre todo cando por outro concello polo que pasa esta mesma estrada si que se pagaron as expropiacións”.

Porén, o descubrimento de que estas obras poderían afectar a varios elementos incluídos no Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Frades, procedeuse a realizar un pequeno cambio sobre o proxecto inicial nun tramo de 200 metros que afectaba á contorna de protección da Mámoa da Chousa Nova de Fonsá. Finalmente, Patrimonio Cultural deu o visto bo á solución técnica presentada polo Concello de Frades, que pasa por reducir o espazo actual ocupado pola gabia, a colocación dun xeotéxtil sobre a cuneta existente (unha tela sintética, permeable e resistente que se emprega para protexer o terreo) e a construción da senda sen que sexa preciso levar a cabo desmonte na zona nin canalización de augas pluviais, que serán recollidas antes mediante un cruce con topo.

Descrición das obras

O proxecto da obra de mellora da seguridade viaria na estrada DP-3802 (Ordes- Ponte Carreira), entre os pk 14,455 ao 16,825 pola marxe esquerda (Frades), incluído no Plan de Vías Provinciais, inclúe a construción dunha senda de 2.335 metros de lonxitude, cunha anchura variable entre os 1,8 e os 2,5 metros dentro da plataforma existente. Para iso, aproveitarase o espazo da gabia existente e executarase con zahorra e formigón.

Entre o firme da calzada e a senda executarase unha rigola de formigón de 30 centímetros de anchura para conducir as augas de escorrentía. Nas zonas de desmonte, a senda levará pola parte exterior un bordo tipo xardín para protexela de derrames procedentes dos noiros. Previamente á construción da senda será preciso realizar un movemento de terras, incluíndo tamén roza, desmonte e terraplén.

A senda contará cunha canalización de tubaxe e 63 pozos de rexistro, mais outros tantos sumidoiros para a recollida das augas de escorrentía (salvo no punto mencionado da contorna de protección da Mamoa da Chousa Nova de Fonsá). En todo o longo da senda deixarase instalado un tubo para a canalización do alumeado público. As obras deberán realizarse con respecto aos elementos catalogados por Patrimonio Cultural, pois a maiores da mencionada mámoa, nas proximidades tamén figuran a Medoña do Maínzo, o Castro do Coto das Medorras, os Túmulos do Coto das Medorras 1, o Túmulo das Xanelas e o  Castro da Carballeira.

O prazo de execución das obras é de seis meses.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *