AD

Comarca

Frades homenaxea aos seus maiores dedicándolles o Almanaque 2025

today14 enero, 2025

Fondo
share close
AD

14 de xaneiro de 2025.- O Concello de Frades vén de repartir o Almanaque 2025 en todas as vivendas do municipio. Un calendario que este ano leva como título “Ser maior en Frades” como “unha homenaxe do Concello de Frades aos seus maiores e a toda a xente que traballa ao seu carón, presentando tamén todos os servizos que se ofertan para facerlles a vida máis levadeira e que non teñan que saír da súa contorna”, explica o alcalde, Roberto Rey Martínez.

Un almanaque de 28 páxinas nas que cada mes está protagonizado por un servizo dispoñible para as persoas maiores de Frades e que está acompañado por imaxes dos usuarios e usuarias actuais dese servizo no municipio. Así, o mes de xaneiro inclúe seis imaxes das persoas usuarias dos servizos gratuítos de podoloxía e fisioterapia a domicilio que o Concello de Frades leva ofrecendo nestes dez últimos anos.

Ao longo dos seguintes meses recompílanse toda a oferta de servizos para as persoas da terceira idade no municipio. Dende os máis tradicionais como o Servizo de Axuda a Domicilio, Xantar na Casa ou Teleasistencia; ata outros postos en marcha de forma pioneira e gratuíta polo Concello de Frades como: perruquería a domicilio, estimulación cognitiva a domicilio, bono taxi para desprazarse a citas médicas, préstamo de axudas técnicas (camas articuladas, cadeiras de rodas, andadores…) ou axudas á compra de lentes, audífonos e próteses dentais.

Canda elas figuran tamén as actividades organizadas para a terceira idade tales como os cursos formativos, as charlas sobre saúde, a Festa dos Maiores, o mes da saúde (con catro saídas a un balneario da contorna) ou as actividades semanais programadas no centro sociocomunitario de Ponte Carreira (cociña, baile, xogos…). Finalmente, aprovéitase tamén para poñer en valor o traballo da Asociación da Terceira Idade, das profesionais que prestan o Servizo de Axuda no Fogar e das casas do maior no municipio (Sorrisos, en Abellá e O noso fogar, en Galegos).

Agradecemento

“Somos un concello rural, gandeiro e onde a xente maior traballou moitísimo ao longo da súa vida e merece todas as atencións que, dende o Concello e o resto de institucións, lles poidamos dar”, sinala Roberto Rey, “moitos deles foron emigrantes, polo tanto, estamos en débeda con eles. Grazas ao seu pasado temos un bo presente e podemos mirar ao futuro con esperanza”.

Neste sentido, o Concello agradece a colaboración de todas as persoas que fixeron posible este almanaque, especialmente dos 55 maiores e profesionais que aparecen nas imaxes e cuxos nomes recompílanse no propio calendario. Un almanaque que xa foi repartido nas vivendas do municipio porén se algunha persoa non o recibira, pode recollelo na Casa Consistorial ou solicitarllo a unha das persoas integrantes do grupo de Goberno.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *