Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 agosto, 2025
29 de agosto de 2025.- O Concello de Frades vai sacar a licitación nos meses de agosto e setembro obras de mellora de estradas e de accesos a aldeas por un importe de 437.806 euros. Unhas cifras que, unidas aos máis de 200.000 euros licitados o pasado mes de xullo e os 370.000 euros executados no primeiro semestre do ano, “suman algo máis dun millón de euros de investimentos en melloras de estradas, pistas e accesos a poboación no ano 2025”, sinala Manuel Ferreiro, concelleiro de Economía e Medio Rural.
Ferreiro Marzoa apunta que “a isto habería que sumarlle o medio millón de euros para a nova potabilizadora de auga, os 350.000 euros que investimos coa Xunta e co Concello de Ordes na execución da ponte entre Abellá e Ordes ou os máis de 50.000 euros para a reparación do encoro da área recreativa da Presa”. Todo isto sumado supón un investimento de case 2 millóns de euros “algo moi significativo para un municipio pequeno e rural e que demostra que se están facendo ben as cousas, que se está petando en todas as portas e, o máis importante, que estamos conseguindo melloras para os veciños e veciñas de Frades”, destaca o concelleiro.
Próximas actuacións
Así, nas próximas semanas está previsto que o Concello de Frades saque a licitación tres proxectos de obras por máis de 435.000 euros. O primeiro deles ten un importe de 181.496 euros e inclúe a mellora dos accesos ao punto limpo de Frades (Céltigos) e á localidade de Caboladrón (Mesos), así como melloras no aparcadoiro do CPI de Ponte Carreira (Gafoi). Así mesmo, mellorarase o entronque coa estrada DP-3802 en Aiazo e a pista de O Pazo a Vistalegre (Galegos).
Neste proxecto inclúese unha obra moi demandada pola veciñanza, como é a mellora do firme no CPI de Ponte Carreira. Aló o Concello de Frades ten previsto aglomerar unha superficie de 500 metros cadrados para despois proceder ao pintado das prazas de aparcamento, dando así unha resposta a unha necesidade que se pon especialmente de manifesto cando se organizan eventos (Entroido, Recepción de Reis…) ou competicións e sesións deportivas.
O segundo proxecto, cun investimento de 92.420 euros, destinarase integramente á mellora de accesos a núcleos, concretamente os de Igrexa (Moar), Quintá (Papucín), Augasantas-Aboi (Céltigos) e Os Loureiros (Vitre). Finalmente, o Concello de Frades contempla a mellora dos accesos ás localidades de Taberna (Abellá), á área recreativa Os Pasos (Aiazo), Añá de Meus (Añá), Sibío (Gafoi), Reboredo (Galegos) e Barazón (Moar). Así mesmo, contémplanse melloras nas pistas de Fondevila ao Cabezo e do Castro a Pumariño, ambas as dúas na parroquia de Abellá. Unhas actuacións que suman un investimento de 163.889 euros.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)