Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 agosto, 2025
O novo alcalde de Noia, Francisco Pérez (PSOE), escolleu Radio Líder Noia para conceder a súa primeira entrevista tras a moción de censura que o levou á alcaldía. A conversa, mantida con Ton Lorenzo, serviu para facer un diagnóstico da situación actual do Concello e para avanzar cales serán as liñas prioritarias do seu goberno.
Segundo explicou Pérez, a herdanza recibida é “crítica” e require dunha intervención inmediata: “O Concello de Noia ten hoxe unha débeda de 5,5 millóns de euros, segundo informes oficiais de Intervención. E iso sendo prudente, porque pode ser aínda maior”.
A esa cantidade engádense as facturas rexistradas sen consignación nas últimas semanas: “Só nas dúas últimas semanas entraron preto de 350.000 euros en facturas sen crédito, a razón de 60 diarias. Iso é gastar o que non se ten, e quen contratou os servizos debe asumir a responsabilidade”.
O alcalde desmontou tamén a idea dun remanente positivo: “O suposto remanente de máis de 4 millóns non é real. Máis de tres millóns pertencen a fondos europeos de turismo e non son de Noia. Do que si era propio, apenas queda nada dispoñible”.
Un dos exemplos da situación financeira foi a organización das festas patronais: “Se non chegamos a aprobar no último pleno un crédito extraordinario de 100.000 euros, hoxe non poderiamos ter unhas festas á altura do que Noia merece. Non había cartos nin para iso”.
O alcalde destacou que, nos primeiros días de goberno, houbo que actuar de urxencia sobre cuestións esenciais: “Estivemos a piques de quedar sen auga, non por falta no río, senón porque as bombas de bombeo estaban avariadas. Agora temos unha funcionando e a segunda quedará reparada en días. Foi unha prioridade absoluta”.
Tamén puxo en marcha un plan de limpeza xeral no casco histórico e nas parroquias, garantido cunha solución alternativa para non comprometer o consumo veciñal de auga.
“A cidadanía demanda limpeza e orde. Comezamos un plan por fases e estamos a reorganizar os recursos do Concello para facelo posible”.
Pérez amosouse especialmente agradecido cos empregados públicos: “O comportamento dos traballadores do Concello é exemplar. Sen o seu compromiso sería imposible sacar isto adiante. Están facendo un esforzo enorme e iso éncheme de orgullo”.
Ao tempo, advertiu da necesidade de afrontar os conflitos laborais herdados: “Hai 180 traballadores municipais e múltiples procesos xudiciais en marcha. A policía local de Noia, por exemplo, é unha das peor pagadas de Galicia. Iso non é sostible e teremos que abordar solucións”.
As prioridades do novo goberno pasan por elaborar un novo orzamento baseado na racionalización e nun maior aproveitamento dos medios propios: “Queremos unha administración transparente e eficiente. Non pode ser que todo se externalice. Apostamos por brigadas municipais de obras e limpeza, que son máis rendibles para os veciños que pagar empresas de fora”.
Tamén avanza unha nova etapa de diálogo político e institucional: “Co BNG temos un pacto claro e cumpriremos o acordado. Queremos sumar e que cada forza poida achegar ideas útiles para Noia”.
No plano máis persoal, Pérez recoñeceu o peso da responsabilidade, pero tamén a ilusión co que afronta o reto: “Traballamos 12 horas diarias no Concello. Chego ás sete e media da mañá e marcho de noite. É esgotador, pero tamén moi gratificante, porque estou aquí para servir aos veciños de Noia”.
Se queres escoitar a entrevista, preme aquí.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)