A iniciativa impulsada por Radio Líder Santiago e Chichalovers alcanza o seu ecuador cunha quinta convocatoria de récord en inscricións, tras superar os 2.200 votos do público na edición anterior, e prepara o ChichaFest do 13 de xuño na Sala Capitol
Onda Chichachega ao seu ecuador consolidando unha rede de talento arredor da música emerxente en galego. Trátase dun proxecto creado para impulsar, visibilizar e apoiar novas bandas e artistas galegos, ofrecéndolles espazos de promoción e oportunidades profesionais. Promovido por Radio Líder Santiago e Chichalovers, suma xa catro bandas gañadoras —Lisdexia, Amaramar, Why Not? e Pulpa— e encara a súa quinta convocatoria, a que máis inscricións está rexistrando ata o momento.
Nos estudos da emisora, Graciela Castro destacou o crecemento constante do proxecto. “Onda Chicha é unha comunidade preciosa que non deixa de medrar”, afirmou, subliñando que cada vez son máis as entidades que se suman á iniciativa.
Onda Chicha é unha proposta conxunta de Radio Líder Santiago e Chichalovers que conta coa colaboración de Quincemil, Arde Música, Garaxe Land, Daveiga, Bodegas Lodeiros e Fogar Festivais, unha rede que permite ampliar oportunidades para as bandas e reforzar as sinerxías musicais e audiovisuais.
Castro puxo tamén o foco no alto nivel das propostas. “Hai nivelón, é moi difícil escoller”, admitiu. O voto popular incorporouse na terceira convocatoria, coa vitoria de Why Not?, e na cuarta, gañada por Pulpa, superáronse os 2.200 votos, duplicando as cifras anteriores. O xurado complétano os equipos de Chichalovers e Radio Líder Santiago, a Sala Capitol, Garaxe Land e o xornalista musical Rodri Míguez.
O proxecto culminará o 13 de xuño co ChichaFest, en sesión vermú na Sala Capitol, onde actuarán tres das bandas gañadoras das oito convocatorias. Unha delas gravará un EP en Garaxe Land, unha oportunidade que Castro definiu como “un pedazo trofeo” para unha banda emerxente.
Con tres convocatorias aínda por diante, a organización anima ás artistas e bandas galegas a consultar as bases e sumarse a un proxecto que, como sinalou a súa impulsora, “dá moito de si, mesmo máis alá de gañar”.
Chichalovers: moito máis que un proxecto gastronómico
A entrevista tamén permitiu afondar na evolución de Chichalovers, que naceu en 2024 e que, segundo explicou Castro, medrou máis do esperado nun tempo moi curto. “Gústanos dicir que somos un movemento social”, afirmou. Unha definición que vai máis alá da gastronomía e que conecta coa aposta polo territorio, o produto de proximidade e a cultura galega. “Somos isto que facemos e comunicamos”, engadiu, reivindicando autenticidade, paixón polo produto tradicional e coidado extremo dos detalles, desde a elaboración ata a estética e a comunicación.
Ese percorrido viu recoñecido o seu esforzo co Solete Repsol —primeiro na categoría con Solera e posteriormente na categoría Fast Food—, ademais do premio á iniciativa emprendedora de AJE Coruña e a nominación aos premios autonómicos de AJE Galicia.
A responsabilidade social corporativa é outro dos piares do proxecto. “Recibimos moito e queremos devolvelo”, explicou. Esa filosofía materializouse en colaboracións coa Asociación Paluso e coa Asociación de Amigos Peludos de Teo, destinando a recadación de accións solidarias ás entidades.
A presenza en festas populares como a Festa da Filloa ou a Festa do Queixo de Arzúa, así como a implicación en iniciativas culturais e musicais, reforzan esa maneira de entender o proxecto: pegado á xente, á tradición e á cultura. Unha identidade que tamén impregna Onda Chicha e que explica por que arredor de Chichalovers medrou algo máis que unha marca: unha comunidade viva.
Comentarios de las entradas (0)