Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 noviembre, 2024
O pasado 23 de novembro, o campo da festa de Trasmonte acolleu a cuarta edición da feira “Tanto monte, monte tanto”, organizada polo Concello de Ames. A pesar das condicións meteorolóxicas adversas que obrigaron a reducir o evento a unha única xornada, a feira logrou un éxito sen precedentes, duplicando a asistencia de 2023 e triplicando a de 2022.
Con 25 expositores, obradoiros, exhibicións e degustacións gastronómicas, o evento consolidouse como unha cita imprescindible para poñer en valor os produtos do monte galego. Entre as novidades desta edición destacaron a presenza dunha pulpeira e un servizo de transporte baixo demanda para a veciñanza.
Blas García, alcalde de Ames, subliñou a importancia de reforzar o vínculo entre o rural e os núcleos urbanos: “Temos un rural con 120 núcleos de poboación e unha gran riqueza natural e patrimonial. Esta feira debe ser incluída no circuíto de feiras de Galicia”. Pola súa parte, Javier Antelo, concelleiro de Medioambiente, destacou o obxectivo de converter este evento nun referente galego.
Os expositores, que abarcaron desde a cestería e a cosmética natural ata a alimentación artesá, valoraron positivamente a experiencia e confirmaron a súa intención de participar na próxima edición. Moitos deles esgotaron as existencias ou tiveron que repoñer produtos debido á gran demanda.
A feira contou co apoio das indicacións xeográficas protexidas “Castaña de Galicia” e “Mel de Galicia”, reafirmando o seu compromiso coa calidade e sustentabilidade dos produtos locais.
Dende o Concello de Ames, anuncian a súa intención de seguir potenciando esta feira para consolidala como unha actividade de referencia no outono galego.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)