Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 febrero, 2026
O Goberno local do Concello de Melide valora de maneira moi positiva o desenvolvemento do Mercamelide de Inverno, celebrado esta fin de semana no Pazo de Congresos, coa participación de preto de 30 establecementos da vila.
O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, destacou a elevada afluencia rexistrada ao longo das dúas xornadas e fixo un bo balance da cita. “En termos xerais a valoración é moi positiva, xa que houbo unha boa participación durante toda a fin de semana”, sinalou.
O evento, organizado por Asetem en colaboración co Concello, reuniu negocios de sectores moi variados, que puxeron á venda produtos con descontos e ofertas especiais, contribuíndo a dinamizar a actividade comercial nunha época clave para o sector.
Ademais, durante a feira sorteáronse seis vales de compra por un importe total de 1.500 euros entre as persoas que realizaron compras. Estes vales deberán empregarse antes do 30 de marzo nos propios establecementos adheridos á campaña, favorecendo así que o investimento reverta directamente no comercio local.
Igrexas subliñou tamén a importancia deste tipo de iniciativas para a economía da vila: “Este tipo de propostas son fundamentais porque dinamizan Melide e serven para apoiar o comercio de proximidade”. O edil lembrou, ademais, o compromiso municipal co sector comercial, asegurando que “levamos todos estes anos colaborando coa asociación de comerciantes porque Melide ten unha fonda tradición comercial e neste tempo necesítase máis que nunca ese apoio e esa promoción do comercio”.
Dende o Executivo local consideran que o éxito desta edición consolida o Mercamelide de Inverno como unha cita xa asentada no calendario comercial da vila.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)