Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 octubre, 2025
Gumersindo Guinarte lamentou o “esperpento político” destes días: “iso non é facer política seria, iso simplemente é facer o ridículo e facerlle o xogo ao Partido Popular”.
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025. O voceiro do grupo municipal socialista de Santiago, Gumersindo Guinarte, lamentou o “esperpento político” vivido nas últimas horas en Compostela tras o anuncio dunha suposta moción de censura impulsada polo concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños.
Guinarte afirmou que “a política municipal transitou nas últimas horas en Compostela dende o enredo ao esperpento”. Explicou que “o autoproclamado voceiro dos non adscritos di que apoiarían unha moción de censura con Mercedes Rosón como candidata. Ao cabo de pouco tempo, o Partido Popular, que por suposto se apunta a un bombardeo e que era o único interpelado posible nese ofrecemento, pois di que si, que apoian a moción de censura”.
O portavoz socialista lembrou que, finalmente, “tanto o mentor da moción como a suposta candidata din que non, que xa non apoian esa moción de censura”, polo que, en palabras de Guinarte, “só hai dúas posibilidades. Ou cando o señor Muiños fai esa proposta non contou coa anuencia da señora Rosón ou simplemente a proposta era para conseguir un titular nalgún diario durante unhas horas cunha proposta disparatada”.
Guinarte destacou que “iso non é facer política seria, iso simplemente é facer o ridículo e facerlle o xogo ao Partido Popular”.
As e os socialistas de Compostela consideran que a cidade non merece representantes que antepoñan os seus intereses persoais ou a vontade de axustar contas aos intereses da cidadanía.
Desde o grupo municipal sinalan que o comportamento observado nas últimas horas supón, ademais, un insulto á intelixencia: é incoherente dicir que non se entra no debate dunha moción de censura e, ao mesmo tempo, propoñer un nome que só podería prosperar co apoio do Partido Popular.
O grupo socialista subliña que este episodio evidencia unha preocupante falta de seriedade, de respecto ás e aos cidadáns e de sentido común por parte de determinados representantes municipais, e chama a recuperar o rigor e a responsabilidade que merece Santiago de Compostela.
Escrito por Líder Redacción
mocion de censura politica psoe Santiago de Compostela sindo guinarte
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)