Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 septiembre, 2025
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista mantivo unha reunión con representantes dos traballadores e traballadoras da empresa Tralusa, concesionaria do transporte urbano en Santiago. Na xuntanza, trasladaron “a súa preocupación polo atraso na licitación do novo contrato de transporte, así como polos atrasos sufridos na percepción das súas nóminas” segundo indica Gumersindo Guinarte, voceiro do grupo municipal socialista.
“Santiago non merece seguir sufrindo un servizo absolutamente impresentable, un contrato que leva caducado máis de dez anos, que mantén tamén aos traballadores nunha situación precaria”, denunciou o voceiro Guinarte.
As e os socialistas de Compostela consideran “urxente” dispoñer de novas liñas, a posta en marcha dun servizo nocturno, mellores conexións coas parroquias e barrios, así como autobuses modernos que garantan un servizo eficiente e de calidade.
Do mesmo xeito, as e os socialistas reclaman que se acelere o procedemento de adxudicación das novas licenzas de taxi, cuxa concesión efectiva continúa pendente, indicando que queren saber cando se producirá esta concesión polo que, segundo informa o voceiro socialista, preguntarán por este tema “ao goberno local no pleno da vindeira semana”.
Para concluír, Guinarte reclamou ao executivo municipal maior responsabilidade: “Exiximos ao goberno da señora Sanmartín compromiso, prazos e solucións concretas. Compostela non pode seguir atrapada nun sistema de transporte público obsoleto que os cidadáns e as cidadás de Santiago non se merecen”.
Escrito por Líder Redacción
politica psoe Santiago de Compostela sindo guinarte taxis transporte publico
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)