AD

Actualidad

Guinarte rexeita que se culpe só a Ryanair da caída do turismo en Santiago

today8 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Gumersindo Guinarte advirte de que os datos de inicio de 2026 son “moi preocupantes” e reclama medidas para reforzar o atractivo da cidade como destino.
  • O voceiro socialista insta a mellorar mantemento, limpeza e mobilidade e a recuperar o pulo cultural para evitar que Compostela sexa só un lugar de paso.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu da preocupación das e dos socialistas polos datos turísticos rexistrados no inicio deste ano e reclamou unha resposta clara por parte do goberno local para reverter a situación.

Guinarte sinalou que “preocúpanos moito os datos que nos deixa este inicio do ano 2026 respecto ao número de visitantes na nosa cidade”. O voceiro socialista advertiu de que Santiago está diante dos “peores datos en ocupación media desde o ano 2018” e co “maior número de hoteis pechados en toda a década”.

O dirixente socialista lembrou que esta tendencia negativa non é recente e asegurou que “levamos máis de ano e medio observando como o número de viaxeiros que chega ao aeroporto Rosalía de Castro non deixa de descender”, ao tempo que tamén minguan as pernoctacións. Neste contexto, advertiu de que Santiago “segue a ser a principal porta de entrada do turismo en Galicia pero non conseguimos que os visitantes prolonguen aquí a súa estadía”.

Guinarte subliñou que “Santiago non pode converterse nun lugar de paso, debe ser un lugar de destino, debe ser o destino principal do turismo en Galicia”, polo que considerou urxente actuar “empezando polo básico que é coidar a cidade”.

Neste sentido, explicou que iso pasa por “coidar Compostela para os veciños e veciñas en primeiro lugar pero tamén para as persoas que nos visitan”, o que implica mellorar “o mantemento, a limpeza e a mobilidade”, así como recuperar o pulo cultural para que Santiago “volva ser un referente”.

O voceiro socialista incidiu tamén na necesidade de corresponsabilidade institucional e lembrou que “a Xunta ten moito que dicir porque Compostela é o principal motor turístico de Galicia”, polo que reclamou máis consensos e planificación estratéxica.

Por último, Guinarte advertiu de que o goberno da señora Sanmartín “non pode poñerse de perfil neste tema e botarlle a culpa dos malos datos exclusivamente, por exemplo, a Ryanair”, subliñando que “iso non é unha explicación, é unha escusa”. Ao seu xuízo, Santiago “conta cos recursos suficientes para atraer un perfil de visitante variado que permita un turismo sustentable, equilibrado e xerador de riqueza”, pero para iso “fai falta traballo e ambición política”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *