Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 octubre, 2025
Na categoría feminina sub18 da carreira pedestre popular a gañadora foi a atleta local, María Estévez Vázquez, da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. A clasificación por equipos estivo liderada polo club amesán atletismo Sar
No campionato de España máster 5K, cómpre destacar a gran carreira realizada polo amesán, José Fernando Sainz García, do Club de atletismo Sar, que logrou o campionato de España máster 75 conseguindo un tempo de 22.11, mellorando deste xeito o récord de España que xa posuía dende 2024. Ademais, Jorge Crespo Arias, tamén do club amesán atletismo Sar conseguiu o campionato de España Máster 45 cun tempo de 15.43
Ames, 19 de outubro de 2025.- O concello de Ames acolleu hoxe unha nova edición da carreira pedestre popular que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns e a súa contorna. Na proba absoluta 10K masculina o gañador foi Iván Puentes Barcía, cun tempo de 30.42, mentres que categoría feminina a gañadora foi Andrea Iglesias Carballido, cun tempo de 40.04. No campionato de España máster 5K, na categoría masculina o gañador foi Ignacio García Ramón (máster 35), cun tempo de 15.28; e na categoría feminina a primeira atleta en cruzar a liña de meta foi María Isabel Ferrer Castell (máster 40), cun tempo de 17.42. Premendo nesta ligazón podes consultar as clasificacións da carreira pedestre popular e do campionato de España máster 5K.
A pesar da choiva que caeu hoxe durante a carreira pedestre popular Concello de Ames, un gran número de atletas participaron nesta proba deportiva que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns e a súa contorna. Había inscritos preto de 1.500 corredores, dos cales 1.219 están inscritos na proba popular. Arredor de 789 inscribíronse nas categorías escolares femininas e masculinas: pitufos, prebenxamín, sub10, sub 12, sub14 e sub16; mentres que na proba dos 10 quilómetros participaron arredor de 430 corredores/as pertencentes á categoría absoluta e sub18. No campionato de España máster 5K participaron un 240 atletas.
Na proba absoluta 10K masculina o gañador foi Iván Puentes Barcía, do club Atletismo Narón, cun tempo de 30.42. Na segunda posición quedou Pedro Liste Monteagudo, tamén do club Atletismo Narón, cun tempo de 31.20. Terceiro foi Alejandro Fernández Rivera, cun tempo de 31.32.
Na categoría feminina a gañadora foi Andrea Iglesias Carballido, do Athletics San Lázaro, cun tempo de 40.04. A segunda posición foi para Patricie Viadel Turjanicová, do club Atletismo Santiago, cun tempo de 40.14, e na terceira posición quedou Paula González Gómez, do Club La Cerezal team, cun tempo de 41.48.
Clasificación local 10K
Os tres primeiros atletas masculinos de Ames en chegar á liña de meta foron: Pablo Díaz Oíza, do club atletismo Santiago, cun tempo de 33.26; Modesto Rouco Almuíña, do club atletismo Santiago, cun tempo de 37.03; e Luis Miguel Feito Mirás, do club Entrenarunning, cun tempo de 37.24. As tres primeiras mulleres amesás en chegar á meta foron: Marinela Mayo Caamaño, do club atletismo Sar, cun tempo e 43.18, Shaila Muñiz Pérez do Fearless Warrior Fight Club, cun tempo de 45.30; e Maica Viaño Nieto, cun tempo de 49.07.
A clasificación por equipos estivo liderada polo Club atletismo Sar. En segunda posición quedou o Club Tríatlon Compostela e terceiro foi o Noitebra. Premendo nesta ligazón podes consultar todas as clasificacións da XXIV Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.
Campionato de España máster 5K
No campionato de España máster 5K, o primeiro atleta masculino en cruzar a liña de meta foi Ignacio García Ramón (máster 35), do club Adas Cupa, cun tempo de 15.28, mentres que a primeira atleta feminina en chegar á meta foi María Isabel Ferrer Castell (máster 40), do club C.A. Llebeig, cun tempo de 17.42.
Cómpre destacar a gran carreira realizada polo amesán, José Fernando Sainz García, do Club de atletismo Sar, que logrou o campionato de España máster 75 conseguindo un tempo de 22.11, mellorando deste xeito o récord de España que xa posuía dende 2024. Ademais, Jorge Crespo Arias, tamén do club amesán atletismo Sar conseguiu o campionato de España Máster 45 cun tempo de 15.43. Premendo nesta ligazón podes consultar todas as clasificacións do campionato de España máster 5K.
Categorías sub18
Os/as atletas sub18 tiveron que dar unha volta ao circuíto completando 5,25 quilómetros. Na categoría masculina, subiron ao podio, Uxío Rudiño Lorenzo, do Club atletismo Negreira, na primeira posición; Xoán Iglesias Ferreiro, da asociación deportiva Olimpia, na segunda posición; e Mateo Rodríguez Ardao, do club atletismo Santiago, na terceira posición. Cómpre destacar que na quinta posición quedou Nadir Moreira Gómez, do Ames Atletismo Savante.
Na categoría feminina a gañadora foi a atleta local, María Estévez Vázquez, da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. Na segunda e terceira posición quedaron Naroa Pereira Tesouro e Icía Ares Betanzos, as dúas do Ourense Atletismo. A cuarta posición foi para a atleta local Mariela Quijano Fernández, do Ames Atletismo Savante.
Entrega de premios
Unha vez rematadas as carreiras, procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado na praza do Concello. Foron galardoados cun trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Houbo tamén catro premios en metálico: 250 euros para o gañador, 200 para o subcampión, 100 para o terceiro clasificado e 50 para o cuarto. Na proba absoluta, ademais, tamén recibiron un trofeo os tres primeiros corredores empadroados no concello de Ames que chegaron á liña de meta. Pola súa banda, os máis pequenos foron premiados cunha medalla.
Como vén sendo habitual durante as últimas edicións, tamén se entregou un trofeo aos tres primeiros clubs da carreira absoluta, e premios en metálico aos catro primeiros (250 euros para o gañador, 175 para o segundo clasificado, 100 para o terceiro e 75 para o cuarto).
Ademais, a empresa BeOne, que xestiona o Centro deportivo municipal A Telleira, situado en Bertamiráns, agasallou á primeira atleta e ao primeira atleta, empadroados no concello de Ames que chegaron á liña de meta, cun vale de tres meses de ximnasio gratis.
Organización do evento
Organizada polo propio Concello, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, a proba pertence ao XI Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboraron os clubs de atletismo do concello (MillaRaio, Sar e Ames Atletismo). Ademais, a Policía Local organizou un operativo especial no que colaborou a Agrupación de Protección Civil de Ames e o club ciclista Os Esfola Arrós. O control da carreira correu a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo da delegación de Santiago de Compostela.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)