AD

Comarca

Lousame aproba os Orzamentos de 2026 que eliminan a partida para os grupos políticos municipais

today27 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

Unha das principais novidades é a consignación dunha partida de 13.500 euros para promover a candidatura de Zernadas de Castro ás Letras Galegas de 2027

Esteban Ares salienta “a importancia de ser un dos primeiros concellos da comarca en dispoñer de orzamentos no mes de xaneiro” e lembra que nas contas aprobadas “non se inclúen as obras do POS+. Cando se incorporen, será o orzamento máis grande da historia do Concello de Lousame, en fase de execución”

27 de decembro de 2025.- O pleno de Lousame aprobou na noite de onte venres, en sesión extraordinaria, os Orzamentos Municipais para 2026. Unhas contas que se presentan equilibradas e suman 3.825.134,21 euros. Por terceiro ano consecutivo, as contas foron aprobadas cos votos a favor do Partido Popular e os votos en contra de PSOE e BNG, que mesmo votaron en contra da urxencia da sesión.

Para o voceiro socialista, Juan José Prego, “non é normal celebrar un Pleno durante o Nadal, cando estamos comendo as gambas tivemos que estudar os orzamentos” e lamentou que non se celebrara unha comisión informativa previa. Unha queixa que tamén compartiu o voceiro do grupo Mixto, Anxo Moledo, que pediu a retirada do punto da orde do día “porque non deu tempo a estudalo con detemento”, ao tempo que apuntou que tiña dúbidas sobre algúns aspectos das contas.

O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, explicou que “o meu compromiso foi ter os orzamentos aprobados antes de fin de ano para empezar 2026 con eles aprobados para así traballar con normalidade e non ter que prorrogar os de 2025”. Neste sentido, lamentou a imposibilidade de ter convocada a comisión informativa sobre as contas “pero o principal é ter aquí os orzamentos, pois pasamos o mes de Nadal traballando para poder traelas aquí este 26 de decembro. Ogallá para o ano poidamos traelos antes, en novembro”, agradecendo tamén o esforzo e traballo realizado pola Secretaria-Interventora municipal para elaborar os orzamentos en tempo. “Lousame é, tras Outes, o único concello da comarca que presentou os orzamentos no tempo que marca a lei”, recordou Ares García. A inclusión dos asuntos na orde do día foi aprobada cos votos a favor do grupo de Goberno e os votos en contra da oposición.

Orzamentos

Antes da aprobación dos orzamentos, os tres grupos aprobaron por unanimidade destinar a gasto corrente os 66.509,06 euros do POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios, achegado pola Deputación da Coruña. Acto seguido, o alcalde destacou as principais novidades dos orzamentos de 2026, que ascenden a 3.825.134,21 euros, tanto no capítulo de gastos como de ingresos.

O gasto social volve ser un dos eixos das contas municipais, coa creación de novas partidas e o incremento doutras xa existentes. Así, no capítulo de novas incorporacións figuran os 13.500 euros destinados á posta en marcha dun programa de promoción da figura de Zernadas de Castro co obxectivo de que a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da morte do cura de Fruíme.

Outra novidade foi a modificación das subvencións nominativas ao Club de Xubilados de Lousame, aos equipos de fútbol do Lesende e Lousame e á ANPA Alecrín, que medran un 33%. Así mesmo, Esteban Ares confirmou o anunciado no pleno de novembro: “a eliminación das asignacións aos Grupos Políticos Municipais. Esa partida irá integramente á financiamento do programa de fomento da natalidade no Concello de Lousame, que tamén contará con outra partida especial para impartir os talleres de apoio á lactancia”.

Finalmente, Esteban Ares lembra que nas contas aprobadas “non se inclúen as obras do POS+, que non se coñecerán ata o mes de febreiro. Cando se incorporen, será o orzamento máis grande da historia do Concello de Lousame”. Neste sentido, lembrou que as contas de 2025 foron aprobadas o 21 de xuño deste ano, polo que xa se incluían as obras do Plan Único da Deputación, uns investimentos que se incorporarán ás contas de 2026 xa durante a súa fase de execución.

Debate plenario

Tras o voto en contra da urxencia da sesión, tal e como sucedera no 2024, o debate dos orzamentos foi idéntico ao dos dous últimos anos, pois tanto PSOE como o Grupo Mixto mantiveron as mesmas argumentacións para reiterar o seu voto en contra. A novidade foi que o alcalde, Esteban Ares, ofreceu aos voceiros da oposición a posibilidade de realizar un receso na sesión para que estes puideran resolver as súas dúbidas sobre os Orzamentos co asesoramento da secretaria-interventora, quen respondeu a todas as súas dúbidas.

Durante o debate, o voceiro socialista, Juan José Prego, criticou que non se trasladara aos grupos da oposición a intención do Goberno de crear un plan de fomento da natalidade; mentres que o voceiro do grupo Mixto, Anxo Moledo, pediu a elaboración dun novo PXOM para consolidar poboación e criticou a eliminación das asignacións os grupos políticos municipais: “non estamos de acordo, é unha medida de esgotamento da oposición”. Unha postura que tamén compartiron os concelleiros socialista.

Esteban Ares explicou que o Plan de Fomento da Natalidade é só unha proposta para asentar poboación, “como tamén o serán pelexar pola instalación de fibra en todo o municipio, manter e incrementar os servizos… é unha medida máis”. Porén, desestimou a proposta de elaborar un novo Plan Xeral xa que “o noso PXOM é anterior ao 2006. Facer un novo suporía perder a metade do solo urbanizable que temos agora, polo que non lle vexo ningún beneficio porque o novo plan sería sempre moito máis restritivo”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *