Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 octubre, 2025
A Estrada, 8 de outubro de 2025.– O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, amosouse hoxe sorprendido tras coñecer pola prensa a negativa do Ministerio de Transportes ao proxecto de conexión entre a EP-7016 e a N-640 á altura da rotonda das Colonias, “un proxecto consensuado durante o goberno provincial de Carmela Silva”, segundo lembrou.
Louzao explicou que o Concello levaba meses á espera do informe sectorial do ministerio, imprescindible para poder asinar o convenio coa Deputación de Pontevedra e dar comezo ás obras. “Amanecimos sorprendidos pola negativa do Ministerio, máis que nada porque este é o mesmo proxecto que se elaborou e consensuou co propio ministerio durante o anterior goberno provincial”, lamentou o rexedor, que pediu “unha reflexión” e “vontade política” para desbloquear a actuación.
O mandatario estradense insistiu en que a Deputación se comprometeu a financiar o 100% da obra, mentres que o Concello asumiría as expropiacións dos terreos, para as que xa reservou 63.000 euros no orzamento municipal. “O que pido é que se poñan a traballar, que falen e que vexan cales son os problemas coa normativa actual que alega Transportes e que se solucionen”, declarou, ironizando con que “se o Ministerio non lle puxo problemas á rotonda do Mercadona, non sei cales pode haber nesta”.
Louzao anunciou que o Concello solicitará de inmediato unha reunión técnica a tres bandas –Ministerio, Deputación e Concello– para buscar unha solución. “O que necesitan obras coma esta é vontade política”, subliñou.
A conexión da EP-7016 coa N-640, coñecida como estrada a Vinseiro, é unha vella demanda veciñal por motivos de seguridade viaria. O proxecto contempla unha variante de 300 metros cun trazado máis recto, 7 metros de ancho e beiravías en ambas marxes, fronte aos 4,5 metros actuais, mellorando así a visibilidade e a seguridade dos vehículos e peóns.
“Falamos dunha vía moi transitada que dá servizo ás parroquias de Guimarei, Vinseiro, Cereixo e Lagartóns, e que une A Estrada co concello de Forcarei. É unha obra de sentido común”, concluíu Louzao.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)