AD

Comarca

Luís Pérez celebra o uso da antiga lonxa para os redeiros tras anos de abandono

today8 enero, 2026

Fondo
share close
AD
O Bloque Nacionalista Galego valora positivamente o anuncio realizado hoxe pola Conselleira do Mar no porto de Ribeira, no que se confirma que a antiga lonxa será destinada finalmente ao uso e reparación de redes e aparellos de pesca, dando resposta a unha vella reivindicación do sector do mar e do propio BNG.
O exalcalde e portavoz, Luís Pérez, salienta que esta actuación permitirá que os redeiros conten por fin cun espazo cuberto e axeitado para desenvolver o seu traballo en condicións dignas, algo fundamental para mellorar tanto a seguridade no porto como as condicións laborais deste colectivo esencial para a actividade pesqueira.
“O arranxo de redes e aparellos estaba realizándose á intemperie en espazos improvisados, dispoñer dun lugar cuberto é unha cuestión de seguridade, de saúde laboral e de respecto a un oficio imprescindible para o sector”, afirmou o responsable do BNG.
Con todo, a formación nacionalista critica duramente a demora da Xunta e de Portos de Galiza, que tardaron máis de oito anos en dar unha solución. “É incomprensible que unha demanda tan necesaria se alongase durante máis de oito anos, mentres o sector reclamaba unha e outra vez unha resposta”, sinalou.
Ademais, o BNG denuncia que durante todo este tempo a antiga lonxa permaneceu abandonada, sufrindo un progresivo deterioro que incrementa agora de maneira notable os custos de reparación e mantemento. “A xestión do PP, a través de Portos de Galiza, é desastrosa xa que se actuase cando correspondía, o investimento necesario sería moito menor. O abandono deliberado das instalacións públicas acaba sempre pagándoo o conxunto da cidadanía”.
Desde o BNG lembran que esta actuación chega grazas á presión constante do sector do mar e ao traballo político realizado durante anos.
Falta de mantemento nas instalacións portuarias
Barral tamén lembrou que os portos situados no municipio precisan investimentos estruturais e planificación a medio e longo prazo, tal e como vén propoñendo reiteradamente o BNG tanto a nivel local como no Parlamento Galego. Neste sentido, critican que o Partido Popular vete sistematicamente estas iniciativas parlamentarias, impedindo que Ribeira conte coas infraestruturas coidadas que debería ter pola súa importancia estratéxica no sector pesqueiro galego.
Neste sentido lamentan que en Castiñeiras estea moi deteriorada a rampla, en Corrubedo os cortes na iluminación son constantes, en Aguiño hai algún punto de luz que non funciona correctamente na zona dos remolques e no varadoiro ou como hai unha escaleira rota.
“Son coñecedores destas deficiencias pero non actúan por iso non abonda con anuncios puntuais nin con actuacións que chegan tarde. O porto de Ribeira necesita investimentos reais, compromiso político e unha visión de futuro que o PP se nega a asumir, bloqueando no Parlamento Galego as propostas do BNG pero seguiremos traballando para que o noso porto siga sendo unha referencia a nivel galego e internacional” concluiu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *