AD

Comarca

Máis de 500 persoas despediron o ano na II San Silvestre Padronesa

today2 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • A proba recadou máis de 500 quilos de alimentos para Cáritas de Padrón e converteuse nunha festa deportiva e familiar

Padrón. 2-1-2026.- Máis de 500 persoas participaron na segunda edición da San Silvestre Padronesa, unha cita deportiva e solidaria que se consolidou no calendario de Nadal do Concello de Padrón e que permitiu despedir o ano 2025 dun xeito saudable, participativo e comprometido coa solidariedade.

A iniciativa tivo tamén un importante compoñente social, xa que Cáritas de Padrón recibiu un quilo de alimentos non perecedoiros por cada persoa participante, superando así os 500 quilos recadados para apoiar ás familias que máis o precisan.

Persoas de todas as idades, moitas delas en familia, completaron os case seis quilómetros do percorrido, ben correndo, andando, en bicicleta ou mesmo en patinete, nun ambiente festivo no que non faltaron os disfraces, sendo especialmente numerosos os gorros de Papá Noel.

Ao remate da proba, as persoas participantes puideron repoñer forzas con churros e chocolate quente, poñendo o peche a unha xornada marcada pola convivencia, o deporte e o espírito do Nadal.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o concelleiro Luis Mariño estiveron presentes na saída da proba, na que tamén participou a tenente de alcalde, Chus Campos Varela, mostrando así o apoio institucional a unha actividade que fomenta hábitos de vida saudables e valores solidarios.

Desde o Concello de Padrón destacan o éxito de participación e agradecen a colaboración de todas as persoas participantes, entidades implicadas e voluntariado.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *