Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 febrero, 2026
Ames, 26 de febreiro de 2026.- A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este pasado martes, 24 de febreiro, a primeira xuntanza ordinaria do Pleno do Consello sectorial da Cultura de 2026. En dita xuntanza presentouse o informe – memoria Ames Cultura de 2025, no que se recolle a actividade de dinamización cultural, das Bibliotecas municipais e da Escola de música durante o ano pasado. Ademais, fíxose un avance sobre a programación de dinamización cultural que está pechada para 2026; e falouse de posibles cambios nas distintas liñas de subvencións que dependen do departamento de Cultura. Pódese consultar o informe completo na seguinte ligazón.
Os primeiros puntos da orde do día foron destinados, en primeiro lugar á lectura e aprobación da acta anterior e posteriormente a dar conta do estado actual das convocatorias de subvencións para a promoción de actividades culturais, promoción de festas populares e axudas en especie para as asociacións e as comisións de festas do Concello de Ames no pasado ano 2025. Deste xeito, xustificáronse todas as subvencións en especies, saíndo publicada a convocatoria de inscricións dos grupos no BOP do 20 de febreiro. En canto ás subvencións de festas, están en fase de requirimentos, do mesmo xeito que as subvencións de actividades culturais.
O terceiro punto da orde do día centrouse na presentación do informe – memoria Ames Cultura 2025, no que se recolle a actividade de dinamización cultural, das Bibliotecas municipais e da Escola de música durante o ano pasado. Neste eido realizouse unha avaliación exhaustiva das cifras e resultados expostos en dito informe, permitindo facer algunhas análises.
Datos globais de asistencia e economía na dinamización cultural
Durante o 2025, dentro da programación de artes escénicas, o departamento de Cultura programou un total de 18 espectáculos, aos cales acudiron 2.634 persoas. Aínda que maioritariamente o público pertencía ao concello de Ames, tamén se rexistrou unha presenza significativa de público da comarca de Compostela. Público moi fiel, con persoas asistentes habituais á maior parte das funcións.
En canto aos ingresos, a achega por venda de entradas foi de 7.880€, a axuda de AGADIC foi de 30.243,81€ e da Deputación foi de 796€. En total, o departamento de Cultura ingresou 38.919,81€, mentres que a achega de fondos propios do Concello de Ames foi de 29.298,93€. O gasto nos cachés de artistas ascendeu a 61.532,74€.
No resto de actividades programadas as cifras tanto de asistencia como de recadación son destacables. Deste xeito, o Abril de Cine rexistrou unha asistencia de 235 persoas e unha recadación de 448,50€ partindo dun orzamento de 2.421,70€. En canto ao Cine de Outono, asistencia foi de 189 persoas e a recadación de 379,50€, cun orzamento de 968€. No caso dos Monólogos, as cifras son proporcionalmente máis elevadas: 563 asistentes, 2.075€ de recadación e 7.550,40€ de orzamento.
Os festivais ABANEA, Ames Jazz, Millarock, Festimax e Cinema miúdo, rexistraron máis de 3.600 persoas asistentes no seu conxunto, consolidando a Ames como referente cultural en toda a contorna da comarca. A todas estas accións hai que engadir os Seráns en Ames, as Noites en Vela e o Día de Galicia, as cales non tiveron contabilización de público asistente.
Ademais, a Concellaría de Cultura do Concello de Ames ofrece residencias artísticas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para creadores e compañías profesionais, tanto consolidadas como emerxentes, que traballen no ámbito das artes escénicas. A cambio, as compañías deben propoñer actividades pedagóxicas dirixidas á comunidade educativa, promover o teatro, fomentar a creación de novos públicos e presentar as súas novas producións. No 2025, as seguintes compañías solicitaron o espazo para ensaiar as súas producións: Grupo Chévere, Teatro Cubo, Morraoconto, Producións Teatrais Excéntricas, Berrobambán, Marta Alonso Tejada e Teatro do Noroeste.
Festividades
Durante este exercicio, o departamento de Cultura organizou tres festividades estacionais en conxunto con outros departamentos e organizacións locais, sendo a Xuntanza de Empresarios de Ames a asociación máis activa e colaborativa nas actividades programadas. Deste xeito, a veciñanza puido gozar do Entroido, o Nadal e o Ames en Festas.
Esta última festividade aglutinou un total de dez días de festa, que encadearon as festas da Madalena e da Peregrina, a través dunha programación baseada en actividades para todos os públicos e de distintos estilos e formatos, ademais das tradicionais verbenas: París de Noia, Os Satélites e América de Vigo estiveron presentes, e tívose que cancelar a actuación de Olympus por motivos climatolóxicos. En total, congregáronse máis de 20.000 persoas.
Biblioteca Municipal de Ames
O Concello de Ames, a través das Bibliotecas Municipais, desenvolveu durante o ano 2025 un programa estable de actividades culturais e de animación á lectura dirixidas á veciñanza de todas as idades, co obxectivo de fomentar o hábito lector, facilitar o acceso á lectura, promover o encontro social e reforzar o papel das bibliotecas como espazos vivos ao servizo da comunidade e do tecido asociativo local.
No referido ao público infantil, as bibliotecas de Bertamiráns e O Milladoiro organizaron 34 sesións de contacontos, con participación de 651 nenos e nenas e 953 persoas adultas; 14 sesións de distintos obradoiros, con 180 rapaces e rapazas; 9 visitas escolares, coa participación de 166 alumnos e alumnas e 20 mestres e mestras; o concerto de Lydia Botana, con 188 persoas; e a actuación teatral de Grupo Tanxarina, que reuniu a 80 asistentes. Realizouse tamén o Concurso de debuxo durante o mes de abril.
En canto ao público adulto, este puido gozar dun Club de lectura dividido en 21 sesións cunha media de 12 persoas e no que se leron 8 libros, e os Encontros literarios, actividade na que se organizaron 12 presentacións e á que acudiron un total de 274 persoas en conxunto. Ademais, realizouse a campaña Superlectores, dende o Día do Libro ata o Día da Biblioteca.
Escola Municipal de Música de Ames
A EMMA constitúe un servizo público esencial para a promoción da música, da creatividade e da participación cultural, contribuíndo á cohesión social e ao enriquecemento da vida cultural local. Neste contexto, a Escola Municipal de Música rexistrou un total de 186 alumnos e alumnas durante o 2025 entre os 4 anos e a idade adulta, as mesmas cifras que no curso 2024.
Ademais das clases de música e movemento, piano, guitarra, violín/viola, canto, saxofón, frauta, percusión/batería, linguaxe musical e combos e enseres, a EMMA organizou as seguintes actividades: audicións, concertos de entroido, xornadas de batucada, encontro de escolas municipais, concurso “Quero Cantar”, Certame Literario Concello de Ames, festival de fin de curso, concerto de Santa Icía, acendido de Nadal e Gala do 20º Aniversario.
Suxestións para as bases das vindeiras convocatorias e propostas da programación cultural
No terceiro e cuarto punto tratáronse as suxestións e achegas para as bases e as propostas para a programación do 2026. No referido ás bases de Festas e Especies non se rexistrou ningunha modificación. Non obstante nas culturais si houbo variacións con respecto á do ano 2025. Estas son, por un lado, a modificación do criterio de valoración 3 do baremo, de xeito que se valorará o orzamento da actividade cultural xustificado, na última convocatoria que a entidade presentou solicitude dentro dos últimos 3 anos. Por outra banda, a modificación da Base 11.1, xa que o importe a xustificar será o resultado de dividir a achega concedida 0,80, sendo esta achega o 80€ do importe a xustificar.
En canto ás propostas para a programación cultural para o ano 2026 atópanse manter a programación estable de teatro e danza; manter o cine tanto, de abril como o de outono, que conta con moito apoio entre o público xeral; continuar co ciclo de monólogos e os festivais xa establecidos nos últimos anos; e manter o apoio á creación coas residencias artísticas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)