AD

Comarca

Máis de 700 deportistas participarán este domingo no III Trail e Andaina Montes de Rois

today8 enero, 2026

Fondo
share close
AD

Máis de 700 deportistas participarán este domingo, 11 de xaneiro, no III Trail e Andaina Montes de Rois, unha cita que converterá as paraxes naturais de Rois no epicentro do trail running galego. A elevada demanda fixo que hai días se esgotasen as prazas tanto da andaina como do trail curto, que comparten un percorrido de 13,2 quilómetros, mentres que o trail longo, de 20,9 quilómetros, está a piques de colgar tamén o cartel de completo.

A pesar da súa curta traxectoria, a proba está xa plenamente consolidada no calendario autonómico, sendo ademais a primeira cita do ano do Ranking Galego de Trail Running dentro da serie prata.

A saída e a meta das tres modalidades estarán situadas no polideportivo de Rois, onde se realizará a entrega de dorsais entre as 8.00 e as 9.30 horas. Ás 10.00 horas tomarán a saída os participantes do trail longo e do trail curto, mentres que cinco minutos máis tarde, ás 10.05 horas, iniciarán o percorrido as persoas inscritas na andaina.

Co obxectivo de facilitar a participación, a organización porá á disposición dos deportistas os vestiarios do polideportivo e habilitará tamén o aparcadoiro no patio do CPI dos Dices. A entrega de premios está prevista para as 12.30 horas, momento no que os participantes poderán gozar duns petiscos tras completar a proba. Ademais, sortearanse tres pares de zapatillas de running, un por cada modalidade, xunto con outros agasallos. As 600 primeiras persoas inscritas recibirán tamén unha braga de pescozo co logo do trail e unha botella de aluminio de 400 mililitros.

Os percorridos estarán correctamente sinalizados con cintas de ABANCA, mentres que a andaina contará cun tramo específico duns 200 metros polo regato de Buxán, sinalizado con cintas de GADIS. Tras as choivas dos últimos días, a organización advirte da presenza dalgunhas zonas enchoupadas e recomenda extremar a precaución.

O Concello de Rois solicita tamén a colaboración da veciñanza para circular con coidado polos lugares de paso da proba, xa que entre as 10.00 e as 14.00 horas os participantes atravesarán Os Dices, Os Vilares, Infesta, Casas do Porto, Xei, Buxán, Peracova, Picadizo, Rois e Contimundi.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *